Saltar ao contido principal
Xornal

A Deputación achega 350.000 euros ao campus de Lugo para formacion, emprendemento, I+D e captación de talento

López e Campos salientan a fonda implicación da Deputación coa USC e defenden que o campus de Lugo manteña unha oferta de títulos atractiva, interesante e de referencia

Actualizada: 13-02-2019 14:03
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Valcárcel, Méndez, López e Campos, no lugués Pazo de San Marcos

A Deputación Provincial de Lugo financia con 350.000 euros o desenvolvemento de accións formativas, de divulgación, emprendemento e I+D, ademais doutras iniciativas de promoción e captación de novo talento para o campus de Lugo orientadas a aumentar a cifra de estudantes que formalizan a súa matrícula nas titulacións universitarias que rexistran menos demanda e tamén á captación de talento.

 

O convenio ratificado este mércores entre o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, dá continuidade así á xa estreita colaboración que viñan mantendo as dúas institucións nos últimos anos. “Os investimentos feitos pola Deputación no campus de Lugo nos últimos catro anos suman arredor de cinco millóns de euros”, salientou o presidente provincial, para, de seguido, referirse ao Hospital Veterinario Rof Codina, Cebiovet, a Granxa Experimental do Campus Terra que se está a edificar en Castro de Ribeiras de Lea como exemplos de actuacións que fan visible a implicación da Deputación co campus de Lugo.

 

O apoio das administracións políticas lucenses ao campus é total, remarcou a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, para logo engadir que “o campus universitario ten unha vital importancia para a sociedade luguesa, como o proba o feito de que a súa actividade está a xerar na actualidade un volume de negocio aproximado de tres millóns de euros”. Esta é a realidade, insistiu Méndez, para logo advertir de que “o Concello de Lugo non vai permitir que o seu campus perda ningún título nin vexa reducido ningún dos elementos que o fan un referente internacional nos ámbitos agronómicos, gandeiros, forestal e de xestión e ordenación territorial”. A alcaldesa cualificou asemade de “incoherente” que a Xunta faga primeiro unha forte inversión pública no Campus Terra da USC para logo recortar a súa oferta formativa e de investigación.

 

O reitor, Antonio López, que estivo acompañado pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, reiterou publicamente o agradecemento da USC ás institucións políticas luguesas polo importante e xa dilatado apoio que están a prestar ao campus de Lugo, unha sede universitaria que tamén se ve afectada polo “proceso de revisión ou readaptación de titulacións aos cambios sociais, ás novas necesidades e esixencias e á propia demanda”. López considera “normais” este tipo de episodios de “revisión ou reformulación da oferta académica”, e, aínda que recoñeceu a existencia de “acordos previos cos que o actual equipo de goberno da USC discrepa”, o reitor da USC agarda atopar solucións que permitan reforzar aínda máis as potencialidades do campus de Lugo o atractivo da súa oferta de titulacións.

Liñas de acción do convenio

O novo acordo de colaboración asinado entre a USC e a Deputación Provincial de Lugo paro o exercicio académico 2018-19 contempla tamén a determinación dun plan de bolsas para sufragar a metade dos gastos de matrícula de estudantes de primeiro curso en títulos de grao con problemas de demanda. Ademais desta medida, “coa que facemos unha acendida defensa do ensino público”, dixo Campos, a nova anualidade deste convenio afonda tamén na promoción de Lugo como cidade universitaria e na progresiva internacionalización do seu campo.

 

Unha das medidas acordadas neste eido afecta á posta en marcha de accións formativas encamiñadas a mellorar o coñecemento e a capacitación da lingua inglesa tanto do colectivo docente e investigador como do resto do persoal do campus de Lugo, a fin de favorecer así a captación de más alumnado internacional.

 

O apoio á realización das prácticas de campo do alumnado, actividades curriculares encamiñadas a potenciar a formación do estudantado de títulos de grao, así como dos universitarios sénior agromados no programa do IV Ciclo da USC, é outro dos cometidos recollidos neste convenio, a través do que a Deputación de Lugo habilita unha partida orzamentaria duns 40.000 euros para o mantemento e potenciación dos posgraos e másteres impartidos pola USC no campus de Lugo.

 

O impulso da docencia semipresencial e a distancia a través da implantación de equipamentos e servizos tecnolóxicos acaídos para atender e dar resposta á crecente demanda experimentada neste eido, así como o fomento da divulgación científica e académica e a captación de novos talentos, a través de iniciativas xa consolidades como o son o programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, XuvenCiencia, DivulgaTerra, e tamén mediante a organización de congresos, seminarios, charlas... constitúe outro dos ámbitos de actuación cara aos que se dirixe o plan financiado pola Deputación de Lugo. Este programa inclúe ademais importantes achegas económicas destinadas ao mantemento e á mellora das infraestruturas deportivas, docentes e culturais da sede universitaria luguesa.


Outras imaxes


Méndez, Campos e López atenden aos medios de comunicación na Deputación de Lugo