Saltar ao contido principal
Xornal

Logo do éxito acadado, Uninova renova o seu liderado á fronte do proxecto YEIM de intercambio de emprendedores

Actualizada: 19-02-2019 11:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A incubadora de empresas Uninova lidera desde 2017 o consorcio do proxecto YEIM (Young Entrepreneurs in Motion), que nestes dous anos captou máis de 500 emprendedores de varios países europeos para participar no programa Erasmus for Young Entrepreneurs e xestionou case 300 intercambios. Debido ao éxito acadado neste período, decidiu continuar liderando o consorcio durante, polo menos, tres anos máis, esperando obter tan bos resultados como ata agora.

O programa Erasmus for Young Entrepreneurs é unha iniciativa da Unión Europea para fomentar o intercambio de emprendedores e empresas dos estados membros e doutros países europeos e, desde 2018, de Estados Unidos, Israel e Singapur. Trátase de que persoas emprendedoras cun plan de empresa elaborado ou cunha peme xa creada pero que con menos de tres anos de experiencia levando a súa propia empresa poidan realizar unha estadía formativa de entre 1 e 6 meses cun empresario/a experimentado/a doutro país da Unión Europea.

O consorcio YEIM intégrano dez entidades de oito países -España, Alemaña, Italia, Francia, República Checa, Croacia, Reino Unido e Bulgaria- e contou cunha dotación de 780.000 euros da Comisión Europea para financiar as bolsas de intercambio de máis da metade dos 533 emprendedores que foron aceptados no programa. Estas cifras sitúan Uninova, a incubadora da USC e o Concello de Santiago, nos primeiros postos do ranking de Organismos Intermedios participantes no Programa (máis de 100), concretamente no cuarto en canto a número de emprendedores rexistrados e no 17 no que se refire a número de intercambios xestionados.

Preto dun cento captado por Uninova
No que respecta ás persoas emprendedoras captadas para este programa directamente por Uninova, a cifra de rexistros ascendeu a 85, dos que 28 eran xa empresarios. Entre os novos, 22 eran mulleres e 35 homes, e practicamente a totalidade contaba con formación universitaria. Por sectores, os predominantes foron os de Publicidade e Marketing, Arquitectura e Construción, e Economía Social. No caso do colectivo dos empresarios de acollida houbo paridade entre homes e mulleres e o sector de actividade predominante foi o de Arquitectura e Construción seguido moi de cerca por Economía Social, Marketing e Publicidade, Educación, Servizos de Consultaría e Sector TIC.

En canto aos intercambios xestionados por Uninova, o número ascendeu a 40, elixindo como destinos favoritos Reino Unido e Alemaña, seguidos moi de cerca por Países Baixos,  Italia e Bélxica. Atendendo aos novos e novas emprendedores, foron máis mulleres que homes, mentres que no caso dos empresarios e empresarias de acollida esa cifra se inverte. Para o próximo ciclo do programa, que se estenderá ata xaneiro de 2022, Uninova agarda xestionar como mínimo 50 intercambios (34 de novos emprendedores e 16 de empresarios de acollida), para o que contará cun orzamento de máis de 100.000 euros.