Saltar ao contido principal
Xornal

Propoñen controlar coa cochinilla algodonosa a expansión da especie invasora uña de gato

Actualizada: 21-02-2019 14:50 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A bióloga Cristina Vieites Blanco dedicou a súa tese de doutoramento a estudar os efectos da uña de gato no solo así como o potencial de determinados insectos e fungos para o control biolóxico desta especie invasora. A investigación realizouna no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e na USC, onde obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude con mención internacional. A investigadora da USC Margarita Lema Márquez e o investigador científico no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia Serafín González Prieto dirixíronlle a investigación.

A uña de gato (Carpobrotus edulis), tamén coñecida como herba do coitelo ou uña de león, é unha planta suculenta orixinaria de Sudáfrica presente en zonas costeiras temperadas de Eurasia, África, América e Oceanía, onde pode colonizar dunas, acantilados e áreas perturbadas. “En España localizouse por primeira vez en Baiona en 1892 e, na actualidade, atópase ao longo da costa peninsular e nas illas Baleares e Canarias”, explican os directores do traballo, que engaden que “ polo momento se estudaron os efectos no solo, centrándose na dispoñibilidade de macronutrientes en ambientes costeiros, principalmente dunares”.

Neste contexto, deseñouse a tese con dous grandes cometidos. Por unha parte, estudar os seus efectos sobre as propiedades do solo en distintos tipos de hábitat invadido, con especial fincapé na dispoñibilidade de micronutrientes ou no ciclo do Nitrógeno. Así, observouse que os efectos son máis intensos nas zonas rochosas que nas dunas, e na capa máis superficial do solo, “o que indica que a invasora afecta principalmente as características do solo a través da acumulación de necromasa. Esta diferencia no seu efecto en solos de dunas e rochosos ten, á súa vez, consecuencia na dispoñibilidade de nutrientes en cada caso”, destaca a autora da tese.

Ante estes resultados, os científicos apostan por “restaurar os ecosistemas invadidos pola planta nos primeiros estadios da invasión, coa fin de evitar que os efectos no solo se intensifiquen” e recomendan tamén “eliminar a necromasa exótica para evitar efectos herdados”.

O segundo bloque da tese céntrase no control das invasións da uña de gato, que nestes momentos se realiza xeralmente a través do arrancado manual ou uso de herbicidas. Dado que unha posible alternativa é a introdución de axentes de control biolóxico, estudouse con ensaios en laboratorio o efecto individual e combinado da cochinilla algodonosa P. mesembryanthemi e do fungo S. sclerotiorum (podredume branca) na planta a curto e medio prazo.

“As plantas infectadas polo insecto mostraron descensos transitorios que non conlevaron efectos significativos na supervivencia ou crecemento, mentres que o uso combinado do fungo e o insecto produciu soamente efectos sinérxicos a curto prazo”, destaca a autora, quen apunta como liña de investigación futura “a realización de experimentos en condicións de campo para coñecer posibles interaccións bióticas e abióticas deste insecto en condicións naturais”.

Os resultados da tese ‘Effects on soil and alternatives for biological control of the invasive plant Carpobrotus edulis’, iniciada en 2014, publicáronse en revistas científicas de impacto como Science of the Total Environment ou Plant and Soil, onde se presentaron os efectos da planta en zonas rochosas e dunares de Galicia, constatándose que despraza a vexetación nativa e afecta o solo alternando o seu pH, modificando a dispoñibilidade de nutrientes e provocando grande acumulación de necromasa.