Saltar ao contido principal
Xornal

O PDI da Facultade de Ciencias súmase ao rexistro horario co que a USC acredita ante a sociedade o cumprimento das súas obrigas

A marcaxe voluntaria xa activada para PAS e docentes dalgúns centros da USC ten unha aceptación do 87% e a súa implantación é “un éxito”, salienta Ernesto González

Actualizada: 21-02-2019 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Fraga, Valcárcel e González, na Facultade de Ciencias

O sistema de rexistro horario activado pola USC para o seu persoal de administración e servizos (PAS) e para docentes e investigadores dalgunhas facultades está a rexistrar unha aceptación do 87%, pola que a súa implantación está a ser “un éxito”, segundo sinalou este xoves o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González, no marco da reunión mantida co PDI da Facultade de Ciencias do campus de Lugo, que se converte así no primeiro centro de ciencias experimentais da USC cuxo PDI se suma de xeito voluntario ao sistema de rexistro horario co que “a USC acredita ante a sociedade o cumprimento das súas obrigas docentes e de investigación”.

 

A implantación dun sistema de rexistro horario na USC, un proceso posto en marcha a comezos de ano e en fase de probas ata o próximo exercicio académico, responde á pretensión de “máxima transparencia e rigor” do actual equipo de goberno da institución académica, sinalou González. A USC, como institución pública que é debe ser responsable e render contas á sociedade que a sostén, e para cumprir con este requirimento ten que achegarlle as ferramentas precisas para que poida fiscalizar a nosa actividade e o traballo que estamos a desenvolver, engadiu o vicerreitor de Profesorado da USC.

 

O rexistro horario é neste momento unha esixencia da sociedade, non é unha cuestión exclusiva da USC, pois, ademais de tratarse dun procedemento xa habitual nas administracións e entidades públicas, cada vez son máis as iniciativas privadas que están a demandar mecanismos de acreditar o traballo desenvolvido, a fin de garantir dereitos e evitar posibles abusos, relatou.

 

O sistema de marcaxe horario implementado aínda de xeito provisorio na USC e que nas próximas datas será obxecto de melloras, a fin de optimizar a súa operatividade e tamén para poder dar resposta a todas as incidencias xa rexistradas, así como ás diversas casuísticas e singularidades dos diferentes colectivos que conforman a comunidade universitaria, vén formalizar unha “dación de contas” que xa se estaba a facer desde hai anos en aras a garantir a organización e o bo funcionamento dos centros.

 

Alén destas consideracións, a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, reiterou que “a transparencia é unha das máximas deste goberno da USC, unha forma de proceder que non se limita a acreditar de xeito documental o cumprimento dos horarios laborais, porque xa sabemos que a xente cumpre con creces as súas obrigas”. Pero máis aló da cuestión laboral, o equipo de goberno da USC tamén quere facer da transparencia e do rigor as bandeiras da súa xestión dos recursos orzamentarios, de infraestruturas e, en definitiva, da súa acción, dixo.

 

Valcárcel tamén manifestou publicamente a implicación e a máxima predisposición do equipo decanal da Facultade de Ciencias de Lugo para sumarse de xeito experimental e voluntario ao sistema de marcaxe horario do seu PDI. A vicerreitora de coordinación do Campus de Lugo destacou tamén que a facultade luguesa convértese así no primeiro centro de ciencias experimentais da USC, nos que a carga de docencia práctica é máis elevada, cuxos docentes e investigadores se acollen ao sistema de marcaxe horaria.

 

A vicerreitora comentou asemade que, ademais de contribuír á transparencia da xestión, a informatización do rexistro horario do persoal tamén reporta axilidade na tramitación, reduce burocracia e, o que non é menor, permite reducir o consumo de papel, o que implica un pasiño máis cara a facer da sede universitaria luguesa un campus medioambientalmente sustentable.

 

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, ve no sistema de rexistro horario unha iniciativa moi atinada por parte do goberno da USC, aínda que lle resta novidade algunha para o funcionamento do centro. “Hai xa preto de 30 anos que os docentes e investigadores desta facultade aplicamos métodos de rexistro da nosa actividade, sistemas máis sinxelos, a través de follas de sinatura ou outros, pero rexistros ao fin e ao cabo" dixo.