Saltar ao contido principal
Xornal

A longa (e divertida) noite do TFG en Filoloxía

Actualizada: 21-02-2019 13:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Facultade de Filoloxía celebrará o vindeiro luns 25 a Longa noite do TFG, unha acción didáctica que proporcionará claves, apoio e seguridade tanto na elaboración e escritura do traballo como na posterior presentación perante un tribunal avaliador. A xornada está aberta tamén a alumnado que prepara o seu Traballo de Fin de Máster ou a tese de doutoramento.

A Longa noite do TFG é sobre todo unha acción didáctica distinta, porque tamén distintas son as necesidades do estudantado que redacta este tipo de traballos académicos, que se atopa con abundantes dúbidas, incertezas e estrés. É por iso que de 19.00 a 1.00 horas da madrugada, e con bufete vespertino incluído, se alternarán obradoiros de carácter transversal (sobre material gráfico, xestión de bibliografía, como empezar e como rematar etc.) con outros máis específicos dirixidos a cada unha das cinco titulacións de grao que se imparten na Facultade de Filoloxía.

O programa inclúe ademais un espazo aberto e interactivo de escritura, sesións de ioga e meditación así como obradoiros teatrais nos que se traballarán aspectos vocais e escenográficos de utilidade para os actos de defensa dos traballos. A ‘longa noite’ complétase con talleres de asesoramento lingüístico non só en galego e español, senón tamén en todas as outras linguas en que se redactan e defenden os TFG na Facultade de Filoloxía -alemán, francés, inglés, italiano e portugués-, para o que se contará coa participación do profesorado lector dos distintos departamentos.

Se ben é a primeira vez que na USC se celebra unha xornada destas características, actividades semellantes organízanse con frecuencia nas universidades alemás. Non é estraño, pois, que a iniciativa da Longa noite do TFG parta do lectorado de alemán, co apoio do Servizo Alemán de Intercambio Académico e coa participación na organización da Facultade de Filoloxía.