Saltar ao contido principal
Xornal

A USC aborda a realidade multilingüe hispanoamericana e achega unha panorámica do recoñecemento social das linguas indíxenas

A tese de doutoramento realizada pola luguesa Isabel Corral Pérez baixo a dirección de Mª Sol López e Carme Silva analiza tamén actitudes lingüísticas e educación bilingüe

Actualizada: 01-03-2019 09:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Isabel Corral Pérez

A análise e o estudo da diversidade lingüística indíxena en Hispanoamerica centra a investigación de doutoramento que vén de presentar na USC a luguesa Isabel Corral Pérez. A súa tese, dirixida polas profesoras Mª Sol López Martínez e Carme Silva Domínguez, aborda desde unha perspectiva interdisciplinar diferentes implicacións da realidade plurilingüe da comunidade hispanoamericana.

 

Corral Pérez ofrece na súa tese de doutoramento unha panorámica interdisciplinar do statu quo do recoñecemento da diversidade lingüística indíxena en Hispanoamérica a través da análise de casuística de 8 países escollidos como representativos e logo de pescudar especialmente na realidade de México.

 

A elaboración do marco legal de referencia e protección das linguas indíxenas centrou parte da investigación de doutoramento de Corral Pérez, cuxa tese tamén afonda, entre outras cuestións, na educación cultural bilingüe e nas actitudes lingüísticas. De feito, neste último eido, a investigadora luguesa actualmente vinculada ao Instituto de Lingua Galega da USC, presentou datos dun estudo de campo realizado en tres universidades mexicanas durante a súa estadía na Universidade Autónoma de México.

 

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento ‘Diversidade lingüística indíxena en Hispanoamerica. Unha visión interdisciplinar centrada no caso mexicano’, estivo presidido por Héctor A. Múñoz Cruz, da Autónoma de México. As doutoras Águeda Gómez Suárez, da Universidade de Vigo, e María Luz Zas Varela, da USC, completaron a relación de membros dun xurado que acordou por unanimidade conceder a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Isabel Corral Pérez.