Saltar ao contido principal
Xornal

A área docente de Simulación Médica da Facultade de Medicina incorpora novo equipamento

Entre outros atópase PAUL, o primeiro simulador High emotion prematuro para unha formación realista en coidados críticos en neonatoloxía

Actualizada: 28-02-2019 14:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Área incorpora equipamento que permitá unha simulación hiperrealista de situacións cotiás. Foto:Servimav-USC

A Facultade de Medicina presentou este xoves 28 o novo equipamento da área docente de Simulación Médica do centro, espazo que prestará servizo tanto ao propio centro docente como á Área Sanitaria de Santiago de Compostela e estará dirixida a profesionais da Medicina, Odontoloxía e Enfermaría coas súas relativas especialidades, dende o ámbito da formación de grao ata o da formación de posgrao e formación continua.

O reitor Antonio López Díaz presidiu este xoves 28 o acto de presentación de novo material desta área docente, no que interviñeron o decano da Facultade, Julián Álvarez Escudero, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. A educación médica baseada na simulación é un campo en pleno proceso de desenvolvemento cuxa evolución nos próximos anos é imprescindible. A súa implantación permitirá reproducir situacións reais con pacientes dunha forma guiada e controlada. En palabras do reitor Antonio López, a nova dotación permitirá á Facultade de Medicina seguir loitando por manter os éxitos que a teñen situado na elite da formación médica en España. A incorporación de novos recursos como os presentados hoxe xunto coa aposta decidida polo capital humano do centro resumen dúas liñas de traballo capitais para a USC no relativo á Facultade de Medicina.

O espazo de simulación da Facultade de Medicina é unha achega importante á mellora do modelo educativo do centro compostelán que incorpora ferramentas novidosas que simulan de xeito hiperreal e seguro situacións coas que o alumnado precisa familiarizarse, explicou o decano Julián Álvarez Escudero. Como tamén sinalou o decano “nun futuro a curto e medio prazo, as unidades de simulación deberán estar plenamente incorporadas tanto ás institucións asistenciais como ás educativas. Deste xeito, estas áreas docentes están chamadas a atender a alumnado con necesidades e niveis de formación diversos, dende a simulación odontolóxica ata a obstétrica, a cirúrxica e de politraumatismo”.

O secretario xeral de Universidade lembrou que a de Santiago de Compostela é a Facultade de Medicina máis grande de España por número de estudantes, polo que mostrou o compromiso da administración autonómica para “tratar que a un centro desa dimensión lle corresponda un equipamento e instalacións acordes”.

Aula de simulación
Entre o novo equipamento da área de simulación atópase PAUL, o primeiro simulador High emotion prematuro para unha formación realista en coidados críticos en neonatoloxía. Segundo o decano, é unha tecnoloxía moi avanzada e da que existen poucas unidades en centros docentes. Tamén se inclúe un simulador para adestramento en ecografía máis realista, versátil e integrado e o simulador CAE VimesixAR coas Microsoft HoloLens.

Outro dos equipos incorporados é SECTRA, unha ferramenta de ensino e aprendizaxe interactiva que usa anatomía real e casos clínicos para desenvolver un pensamento crítico en capacitación clínica, e un adestrador de infiltración intraarticular do ombro para a práctica da inxección nos tecidos brandos utilizada para o tratamento das lesións e a artrite. O equipamento representa la anatomía normal con precisión (tanto por encima e por vía subdérmica) con fins de palpación.


Outras imaxes


De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Antonio López e Julián Álvarez. Foto:Servimav-USC

A presentación do novo equipamento realizouse nun acto na Aula Castelao de Medicina. Foto:Servimav-USC