Saltar ao contido principal
Xornal

A USC estuda solucións inmediatas para reabrir canto antes a Facultade de Farmacia

Actualizada: 28-02-2019 14:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Consello de Goberno desenvolveuse no Salón Reitoral de San Xerome

Logo de estudar todas as posibilidades posibles ao respecto da Facultade de Farmacia, pechada dende hai uns anos por un problema de contaminación por hidrocarburos, o Goberno da Universidade de Santiago que encabeza o profesor Antonio López tomou a decisión de proceder á demolición afectada da parte do centro.

Tal e como informou o reitor esta mañá en Consello de Goberno, dado que o procedemento e resultado da descontaminación non está aínda claro, resultaría “arriscado e custoso” proxectar outro tipo de solución para un asunto que afecta a universidade en xeral e os colectivos de profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado da Facultade de Farmacia en particular.

A Universidade de Santiago solicitará estes días un proxecto de demolición para o aulario da Facultade –a que coincide co frontal do centro- e así coñecer con exactitude o custo da acción, que se prevé amortizar en sete anos, tendo en conta o aforro de 250.000€ anuais para a Universidade que supoñen 5.500 metros cadrados menos de mantemento.

Encargarase ademais un estudo sobre o estado dos tres edificios restantes que compoñen o conxunto da Facultade para rehabilitalos e converter un deles, concretamente o número 1, nun espazo docente con aulas e laboratorios.

De todos os xeitos, segundo se informou, o máis inmediato será esgotar todas as posibilidades de descontaminación, comezando por un método menos agresivo e custoso que os probados ata agora e cuxa viabilidade se coñecería en tres meses.

Axudas á produción científica
Neste mesmo Consello de Goberno acordouse incrementar a axuda á produción científica aos departamentos e institutos de investigación. O proposta tamén establece un aumento das axudas para os Grupos de Investigación que non perciben outras do programa de consolidación da Xunta co propósito de que melloren a súa produtividade.

Estes cambios pretenden incentivar a investigación na USC actualizando, cara a 2020, o catálogo de Grupos de Investigación e reformular os procesos de valoración da produción científica e o programa das axudas de investigación aos grupos, departamentos, institutos e centros singulares.