Saltar ao contido principal
Xornal

A mostra ‘Cosmoloxías’ inaugura o proxecto ArtLAB do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

A artista Irene Dubrovsky participará o 6 de marzo nun coloquio con distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia

Actualizada: 01-03-2019 10:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A mostra pode visitarse ata o 15 de marzo. Foto: Mercedes Rosón

Parece inexplicable que perdure aínda o divorcio entre arte e ciencia, dous campos do saber que  son inseparables para comprender a complexidade cultural do ser humano. Aparentemente dispares nos seus métodos e linguaxes de expresión, comparten por exemplo ese proceso de busca, estimulado pola creatividade, dunha idea ou de respostas a un interrogante aínda sen resolver. Debido á influencia que se exercen mutuamente e á frecuente indefinición das súas fronteiras posibilítase un diálogo onde explorar os vínculos entre ambas disciplinas.

É precisamente ese diálogo entre arte ciencia, indagar nas súas interseccións e tender pontes entre ambas, o propósito da exposición ‘Cosmoloxías’ da artista plástica Irene Dubrovsky que se inaugurou onte no Colexio de Fonseca e que é ademais a primeira actividade de ArtLAB, unha nova iniciativa interdisciplinar do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Na apertura participaron, ademais da autora, o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director do IGFAE, Carlos Salgado.

‘Cosmoloxías’ componse dunha serie de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky (Bos Aires, 1972)  que evocan os mapas reais que tentan explicar a súa orixe mediante grandes pregos de papel entretecido e discos perforados. A obra visual desta artista plástica arxentina residente en Cidade de México articúlase nunha poética da cartográfica onde conflúen a súa historia e herdanza migrantes, en obras minuciosas e sutís. Utiliza a xeometría como linguaxe primordial, estruturando as súas pinturas en grandes pregos de papel tecidos, pregados ou perforados en forma de discos, mapas e partituras. Traballa con espazos reticulares e redes curvas que aluden a espazos infinitos, propiciando un diálogo interdisciplinario que permita os entrecruzamentos de arte e ciencia.

Dubrovsky presentou o seu traballo en numerosas exhibicións, entre elas a Bienal da Habana (Cuba), coa exposición Cartografías Satelitales, así como na Bienal de Curitiba e a Bienal de Cuenca. A súa obra Mapas de la alteridad espúxose no Palacio Exipto de Lisboa e no Centro Pére Prune de Barcelona, ademais de no Instituto de Cultura de México en Viena e Madrid. Outras obras destacadas que itineraron por centros de arte internacionais foron Vuelo de Cronos (Museo Universitario del Chopo, México), Universos Progresivos (Galería Puerta Roja, Hong Kong) e World Maps (Galería Couturier, Los Ángeles).  Na actualidade, desenvolve o proxecto Un espejo de agua para las estrellas para o xardín botánico de Oaxaca, en México.

Coloquio entre ciencia e arte
Á mostra, que poderá visitarse ata o 15 de marzo, súmase un coloquio entre a artista e distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia que acollerá o Centro ABANCA Obra Social o 6 de marzo ás 19:30 horas. Participarán o escritor Agustín Fernández Mallo, o físico e pintor David Crooks, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, o físico José Edelstein e a cantante Uxía, e a moderadora do encontro, a xornalista Ainhoa Apestegui.


Outras imaxes


O vicerreitor Vicente Pérez Muñuzuri inaugurou a exposición. Foto: Mercedes Rosón

Irene Dubrovsky con Jose Edelstein (á esquerda) e Carlos Salgado. Foto: Mercedes Rosón