Saltar ao contido principal
Xornal

A USC será protagonista esencial no despegue do territorio Ancares-Courel como destino de turismo científico ‘Observer’

Investigadores da USC traballarán coa Deputación de Lugo no desenvolvemento de accións estratéxicas a prol da divulgación científica, turística e didáctica deste espazo

Actualizada: 01-03-2019 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Presentación do certificación do espazo Os Ancares-Courel como destino de turismo científico, no Pazo de San Marcos

A USC terá unha relevancia esencial no despegue do territorio Ancares-Courel como destino de turismo científico Observer, unha certificación que outorga a esta área de montañas luguesas a categoría de reserva científica e avala así o seu potencial deste enclave para o desenvolvemento de actividades científicas e de investigación a partir do aproveitamento dos recursos naturais e culturais.

 

O deputado provincial delegado da área de Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, adiantou a fonda implicación que está chamada a ter a USC no desenvolvemento do territorio Ancares-Courel como destino de turismo científico `Observer´ no acto de recepción do documento de auditoría e do distintivo Observer, unha sesión pública celebrada este venres no lugués Pazo de San Marcos e no que estivo presente a vicerreitora de Coordinación do Campus  de Lugo, Montserrat Valcárcel, así como outros investigadores da USC, ademais de Maite Vence e Xabier Vázquez, responsable e técnico encargado da avaliación e redacción do informe Observer, un sistemas de certificación creado coa finalidade de fomentar e mellorar as acción relacionadas co turismo científico sustentable e de calidade.  

 

A obtención do distintivo Observer remata a primeira fase do proxecto emprendido pola Deputación de Lugo no verán de 2018 cunha achega de 70.000 euros, indicou Vidal Baamonde, quen engadiu que este proxecto abrangue os 16 Concellos integrados no territorio: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Máis de 100.000 hectáreas de territorio entre Os Ancares e O Courel  chamadas a conformar a maior zona de estudio científico en Galicia, dixo.

 

Logo de lembrar os requirimentos esixidos para acadar a certificación de destino turístico científico expedida por Observer, Vidal Baamonde fixo fincapé na importancia de dotar este enclave dunha denominación común en paralelo coa creación dun órgano de coordinación cun xestor ou responsable do mesmo. A partir deste primeiro paso, comentou, cómpre tecer redes de traballo entre os diferentes axentes, tanto a Deputación como os Concellos, a USC e a súa Estación Científica do Courel e Xeoparque, como empresas, asociacións e outras entidades que poidan traballar no territorio neste campo de actuación.

 

Accións estratéxicas

As accións estratéxicas que se prevén desenvolver na segunda fase deste proxecto son diversas e conforman unha estratexia con intervencións a desenvolver ata agosto de 2019. Este abano de actuacións están orientadas a impulsar o uso de recursos naturais e culturais para facer divulgación científica, co fin de promover o desenvolvemento de actividades turísticas, didácticas e lúdicas vencelladas á ciencia en calquera das súas disciplinas.

 

A creación dun grupo de traballo entre o organismo provincial, a USC e os concellos integrados na zona, así como outros axentes clave do territorio con competencia en materia de divulgación ou xestión dos recursos naturais será o paso previo á posta en marcha dunha web corporativa, para logo avanzar no desenvolvemento dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como na delimitación de cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico. A creación dunha App e a configuración dunha programación anual de turismo científico, e a promoción de seminarios de para empresas do sector e de formación para guías e informadores turísticos constitúen outros dos obxectivos sobre os que traballar.