Saltar ao contido principal
Xornal

A USC acollerá en xullo o primeiro congreso internacional dedicado á transferencia de coñecemento entre Matemáticas e industria

Actualizada: 04-03-2019 12:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A primeira edición da Conference on Transfer between Mathematics & Industry (CTMI 2019) celebrarase o vindeiro mes de xullo na Facultade de Matemáticas da USC. Colaboran na súa organización o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e a Rede Española para Matemáticas e Industria (math-in), coa colaboración do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN).

CTMI 2019 procura a promoción e difusión de ferramentas matemáticas tales como a estatística, o Big Data, MSO (Modelado, Simulación e Optimización) e as súas aplicacións industriais, así como a promoción de novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da industria e da sociedade en xeral, a renovación dos plans de estudo neste eido e en todos os niveis educativos. Neste senso, este encontro internacional agarda reforzar a interacción entre a academia e a industria coa conseguinte innovación en ambos os dous campos e, en opinión dos seus promotores, está chamado a converterse nun dos principais foros de presentación de avances significativos en materia de matemáticas industriais.

Para participar no CTMI 2019 na sección de Comunicacións e na de pósteres de casos de éxito, as achegas deberán enviarse a través da web no enlaces habilitados Communications ou Success stories posters . Este congreso internacional é ademais un evento satélite do International Congress on Industrial and Applied Mathematics (ICIAM) a celebrar unha semana antes en Valencia.