Saltar ao contido principal
Xornal

Presentación da Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT) da USC

Actualizada: 05-03-2019 10:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT) da USC desenvolve este mércores 6 a súa xornada de lanzamento na que se dará a coñecer o seu plan de acción e se compartirá coñecemento excelente no campo dos novos materiais.

A sesión, que presidirá o reitor Antonio López, dará comezo ás 10:00 horas no Salón de actos do Instituto de Cerámica da USC e nela participarán ademais os coordinadores de AEMAT, os profesores Arturo López Quintela e José Rivas Rey; a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar Tojo, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez.

A continuación, a partir das 11:30 horas, terá lugar unha sesión científica na que intervirán a directora de unidade na Fundación Tekniker e co secretaria de EUMAT (European Technology Platform for Advanced Materials and Technologies), Amaya Igartua, e Nieves González, punto nacional de contacto Horizon 2020 NMBP (Nanotecnoloxías, materiais avanzados, biotecnoloxía e fabricación e transformación avanzadas) do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

AEMAT vén de ser recoñecida pola Consellería de Educación, Universidade e FP da Xunta de Galicia como agrupación estratéxica do Sistema Universitario de Galicia. Nela intégranse 11 grupos de investigación multidisciplinares da USC co obxectivo común de elevar as súas capacidades científicas e de transferencia de coñecemento aos sectores produtivos no campo dos materiais. Trátase de grupos de investigación con capacidades de distinta base disciplinar, traxectoria e experiencia, que converxen nas fronteiras do coñecemento científico, tecnóloxico e da innovación en materiais.