Saltar ao contido principal
Xornal

Os premios Enxeñaría e Muller Rural distinguen os proxectos dun paso peonil sobre o Camiño de Santiago e dunha adega en Mos

As enxeñeiras Cristina Vila Paz e Gabriela del Valle Bugallo recibirán este luns 11 os galardóns no marco dun acto que se desenvolverá na EPS de Enxeñaría de Lugo

Actualizada: 06-03-2019 09:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Instalacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo

O xurado encargado de fallar os III Premios a Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural distinguiu as propostas presentadas a este certame promovida pola Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo pola graduada en Enxeñaría Civil Cristina Vila Paz e pola nova titulada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Gabriela del Valle Bugallo González.

 

A calidade das memorias e a viabilidade das ideas desenvolvidas nos Traballos Fin de Grao presentadas polas dúas galardoadas na terceira edición deste certame resultaron factores determinantes para que o xurado decidira a concesión destes premios logo de analizar todas as propostas presentadas.

 

Daquela, o xurado acordou premiar a proposta dunha pasarela peonil sobre a Nacional 547 ao seu paso por O Pino (A Coruña), presentada por Cristina Vila Paz. Os integrantes do tribunal avaliador salientaron no seu fallo n a incidencia social desta actuación, a través da que se pretende diminuír a sinistralidade nun punto do Camiño de Santiago onde os usos de peregrinos e vehículos a motor entran en conflito en máis dunha ocasión.

 

O proxecto dunha adega para a produción de 100.000 litros anuais de viño Albariño con D.O. Rías Baixas no parque empresarial de Mos (Pontevedra), presentado pola nova graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Gabriela del Valle Bugallo González, mereceu outro dos galardóns concedidos no marco deste certame. A aposta pola empregabilidade feminina no concello de Mos e na súa contorna, na que a maior parte dos traballos nas adegas están ocupados por mulleres foi un dos aspectos valorados polo xurado na emisión do seu fallo.

 

As dúas estudantes da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo premiadas neste certame recibirán os seus respectivos galardóns, dotados de diploma acreditativo e cadansúa gratificación en metálico de 200 euros, o vindeiro luns 11 de marzo , a partir das 12.00 horas, nunha sesión pública que se desenvolverá na sala de xuntas do centro universitario lugués.

 

A cerimonia de entrega dos III Premios a TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural, unha iniciativa posta en marcha para facer visible a contribución da muller nos diferentes ámbitos da enxeñaría, ademais de para atraer novas vocacións femininas e este área do saber, contará tamén coa participación da coordinadora do GDR Limia-Arnoia, a tamén enxeñeira formada na EPSE do campus lugués Eva González, quen ofrecerá o relatorio ‘De nena a moza, case nunca enxeñeira’.