Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor Jesús L. Romalde, embaixador en España da Sociedade Americana de Microbioloxía

Actualizada: 06-03-2019 12:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O catedrático e director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, Jesús L. Romalde, acaba de ser nomeado embaixador da Sociedade Americana de Microbioloxía (ASM) en España, dando así un paso máis no apoio ao avance da microbioloxía no Estado.

Como representante en España da AMS, o profesor Romalde deberá manter relacións con institucións e organizacións de todo tipo, como sociedades científicas estatais, oficinas gobernamentais autonómicas, industrias, universidades e outros centros de investigación, ademais de fortalecer a rede global de membros de ASM a través do programa de embaixadores, que conta no mundo con máis de 90 membros. O nomeamento será ata 2021, con posibilidade de renovalo tres anos máis.

O profesor Jesús L. Romalde leva máis de 30 anos involucrado na investigación en microbioloxía ambiental, incluíndo diferentes aspectos de patóxenos bacterianos e virais. Ten editados catro libros, é autor de máis de 200 publicacións en revistas internacionais e 40 capítulos de libros e dirixiu 18 teses de doutoramento.

Participou en 40 proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas (estatais e europeas) e presentou numerosas conferencias en reunións internacionais. Forma parte ademais do comité editorial de diferentes revistas internacionais, como Veterinary Microbiology ou Systematic and Applied Microbiology, entre outras, e participou na organización de importantes congresos como o International Symposium on Molluscan Shellfish Safety en 2002 ou o 4th International Congress on Vibrio en 2011.