Saltar ao contido principal
Xornal

O ciclo ‘As mulleres dos mortos’ profunda no traballo de destacadas investigadoras internacionais en arqueoloxía e antropoloxía

Concíbese como un ciclo de conferencias de catro destacadas investigadoras que se celebrará na Facultade de Bioloxía a partir do 13 de marzo

Actualizada: 08-03-2019 10:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do ciclo que se celebrará na Facultade de Bioloxía aberto a todo o público interesado

Entre o 13 de marzo e o 3 de abril o Salón de Graos da Facultade de Bioloxía da USC acollerá catro relatorios cos que se quere divulgar as investigacións en esqueletos humanos que están a levar a cabo destacadas mulleres especialistas na materia. O ciclo leva por lema ‘As mulleres dos mortos’ e está organizado pola Rede Consiliencia, financiada pola Xunta de Galicia, que agrupa grupos de investigación das universidades de Santiago e A Coruña nos ámbitos da arqueoloxía, historia, ciencias sociais, antropoloxía física, ciencias da terra e tecnoloxías da información e das comunicación. O acceso ás conferencias é libre e de balde polo que están abertas a todo o público interesado.

"Son catro relatorios en total, todos eles agrupados baixo o criterio común de dar a coñecer o traballo de investigación en esqueletos humanos nun contexto arqueolóxico e forense que están a levar a cabo destacadas investigadoras internacionais", explica unha das súas impulsoras, Olalla López-Costas, a investigadora da USC e experta en estudos deste tipo en Galicia. López-Costas xunto coa profesora da USC María Loureiro, puxeron en marcha esta iniciativa cuxo obxectivo é “achegar á sociedade estes traballos arqueolóxico e forense impulsados todos eles por mulleres que están a liderar destacados avances nas súas respectivas materias".

O ciclo ten un marcado carácter divulgativo para así “promover o recoñecemento desta ciencia e das mulleres españolas investigadoras de prestixio internacional que a exercen”. O estudo de restos humanos, particularmente dos esqueletos,  é un ámbito no que “só uns poucos son capaces de entender o que din. A maioría destes investigadores son mulleres que traballan para protexer e coñecer o noso patrimonio e axudar en complicados casos forenses”. Con este enfoque no ciclo de conferencias catro mulleres contarán a súa experiencia “facendo compresible para todos, as historias escondidas nos mortos”, explican as promotores da iniciativa.

Relatoras
Inmaculada Alemán, arqueóloga e antropóloga, directora do máster de Antropoloxía Física e Forense da Universidade de Granada, experta forense para a policía española e doutros países de Europa e América será a encargada de abrir as conferencias, co relatorio ‘Da antropoloxía forense ás momias exipcias’, que se celebrará o 13 de marzo e na que falará tamén do seu traballo en Exipto onde colaborou os últimos anos.

‘Escavando cemiterios, que nos contan os mortos’ é o título do relatorio que ofrecerá o 20 de marzo Inmaculada López Flores, especializada en bioarqueoloxía e unha das profesionais con experiencia máis dilatada no estudo de coleccións de esqueletos arqueolóxicas. O tema dos esqueletos infantís protagonizará o terceiro relatorio, a cargo de Carme Rissech, bióloga especialista no estudo de restos esqueléticos e no estudo da morfoloxía do esqueleto humano e as enfermidades no pasado. A quenda de Rissech será o 27 de marzo co título ‘Os esqueletos dos nenos tamén falan’.

Precisamente as enfermidades que se rebelan nos ósos centrarán a última das conferencias o 3 de abril, ‘Enfermos no pasado, dos ósos ao ADN’, impartida por Assumpció Malgosa i Morera, especialista no estudo de coleccións osteolóxicas de contextos arqueolóxicos, directora do grupo de investigación da Autónoma de Barcelona, con numerosas publicacións sobre variabilidade humana e que ultimamente colaborou na exhumación de fosas da Guerra Civil. Todas as relatoras teñen un nexo en común: son investigadoras de recoñecidísimo prestixio internacional que lideran empresas e grupos de investigación e que acumulan anos de experiencia en facer que os ósos falen.