Saltar ao contido principal
Xornal

O Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia celebra a finais de mes unha xornada na Facultade de Ciencias de Lugo

As persoas interesadas en participar no foro profesional sobre alimentación e nutrición humana poden inscribirse ata o 28 de marzo na web de Codinugal

Actualizada: 07-03-2019 09:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da I Xornada de Codinugal

O Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal) celebrará os días 29 e 30 de marzo as súas primeiras xornadas sobre alimentación e nutrición humana na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, que é o único centro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) no que se imparte o título de grao en Nutrición Humana e Dietética.

 

As persoas interesadas en participar neste foro profesional poden formalizar xa a súa inscrición a través da páxina web do colexio profesional, na que tamén se pode atopar información respecto da taxas e tamén do programa provisional deste foro, ademais doutros contidos relacionados coa actividade e a gobernanza do órgano colexiado. O prazo de matrícula remata o 28 de marzo.

 

A xornada promovida por Codinugal, un foro que se desenvolverá durante a tarde do venres 29 de marzo e a mañá do día seguinte, inclúe una sesión sobre antropometría, a cargo de Toni Sala, así como a presentación e diversas comunicacións científicas relacionadas coa alimentación vegana e vexetariana en idades comprendidas de 0 a 3 anos, ou coa nutrición alén da perda de peso.

 

A incidencia da educación alimentaria nos hábitos do consumidor e a evolución da composición corporal son outras das temáticas que tratarán diversos relatores no marco desta primeira xornada organizada polo Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia, un órgano colexiado que tamén celebrará en Lugo na tarde do 30 de marzo a súa asemblea xeral.