Saltar ao contido principal
Xornal

A USC recoñece o traballo pola igualdade de xénero da Biblioteca Universitaria

Actualizada: 07-03-2019 13:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A directora da Biblioteca, María Isabel Casal Reyes, recolleu este xoves de man do reitor Antonio López a mención honorífica coa que a Universidade de Santiago recoñece o esforzo deste servizo universitario en prol da igualdade de xénero.

Este foi o acto institucional co que a Universidade de Santiago celebrou o Día Internacional das Mulleres e que contou con numeroso público e a intervención ademais da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; do vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

No seu discurso Mabela Casal puxo en valor as bibliotecas como fontes primarias de información nun tempo de “sobreexposición a esta” e tamén como conformadoras de valores necesarios para unha sociedade “máis comprometida e xusta”. Logo de facer un relatorio das últimas actividades realizadas, fixo extensivo o recoñecemento ás 186 persoas que en Santiago e Lugo traballan na Biblioteca.

O reitor non quixo deixar pasar a ocasión de lembrar que un 8 de marzo de 1910, sendo conselleira de Instrución Pública Emilia Pardo Bazán, se emitía unha instrución que por primeira vez igualaba o acceso á Universidade de mulleres e homes sen que fose necesaria ningún tipo de solicitude previa.

O acto completouse coa lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria.


Outras imaxes