Saltar ao contido principal
Xornal

Quinteto O’Globo ofrece este luns un concerto de vento na Casa do Saber no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira

A actuación promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural comeza ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo

Actualizada: 08-03-2019 09:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Integrantes da formación de música de cámara Quinteto O'Globo

A formación de música de cámara Quinteto O’Globo, integrada por Gala Kossakowski, frauta; Inmaculada Veses, oboe; Natacha Correa, clarinete; Andrea Pérez, fagot, e Jessica Rueda, trompa, ofrecerá un concerto este luns 11 de marzo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira. Este programa arredor da música de cámara está promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas financeiras a USC, xunto co Concello e a Deputación Provincial de Lugo.

 

Quinteto O’Globo chega a Lugo a través do programa AIEnRUTA clásicos 2018-2019, unha iniciativa través do que se procura a promoción de valores artísticos como o son este quinteto de vento nado na Escola Superior de Música Reina Sofía no ano 2015. Todas as integrantes de Quintento O’Globo recibiron formación nos distintos departamentos de instrumento da citada escola, así como no Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid, cos profesores Hansjorg Schellenberger, Radovan Vlatković, Klaus Thunemann e Gustavo Núñez.

 

As integrantes desta agrupación de música de vento xa realizaron numerosos concertos por toda España en cidades como Barcelona, Palma de Mallorca, Segovia, Ávila, Eivisa, Santander e Madrid. Logo desta xa ampla bagaxe, Quinteto O’Globo chega a Lugo logo de recibir nos cursos 206-17 e 2017-18 o premio ao grupo máis sobresaínte de música de cámara da Escola Superior de Música Reina Sofía, uns galardóns que lles entregou a raíña Dona Sofía.

 

O programa que ofrecerá Quinteto O’Globo na súa actuación na Casa do Saber permitirá ao público asistentes viaxar no tempo a través do son desde fanais do século XIX ata os albores da actual centuria. Daquela, estas cinco virtuosas intérpretes formadas na Escola Superior de Música Reina Sofía farán soar composicións de Maurice Ravel, as danzas profanas e sagradas de Henri Tomasi, pezas de Heitor Villa-Lobos, ou creacións para quintetos de ventos de Pablo Díaz, para rematar a súa actuación con ‘A farewell mambo’, de Paquito D’Rivera.