Saltar ao contido principal
Xornal

O Concello de Lugo recoñece o traballo da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría da USC co premio Entre Mulleres

A subdirectora do centro lugués Rosa Romero recolleu o galardón no marco dun acto no que tamén se distinguiu o bo facer de Paula Fraga e Kristal Ramírez a prol da muller

Actualizada: 08-03-2019 13:54
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Rosa Romero, á dereita, recolle o premio de mans da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

O Concello de Lugo recoñece o traballo que está a desenvolver a Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC coa concesión do premio Entre Mulleres 2019 polo seu labor a prol dos dereitos das mulleres e nomeadamente, para favorecer a incorporación das rapazas aos estudos universitarios de enxeñaría e tamén para facer visible o importante cometido que moitas mulleres desenvolveron ao longo da historia e mesmo seguen a protagonizar as enxeñeiras na actualidade.

 

A Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, un órgano integrado por 12 profesoras e profesores do centro, así como por representantes do alumnado e do persoal de administración e servizos que comezou a súa andaina en 2017 baixo a presidencia da profesora Dolores Fernández Rodríguez, fíxose merecedora deste galardón, entre outras cuestións, polo traballo desenvolvido para aumentar a visibilidade do labor das mulleres na enxeñaría, unha pretensión que atopa na convocatoria dos Premios Enxeñaría e Muller Rural e na campaña ‘ Protagonistas, as enxeñeiras’, dous dos seus fitos máis senlleiros.

 

Alén da promoción da figura e dos cometidos da muller nos diferentes ámbitos da enxeñaría, a Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo tamén contempla entre as súas competencias o desenvolvemento de accións de sensibilización e concienciación á comunidade universitaria do centro en materia de igualdade, xénero, diversidade afectiva-sexual e non discriminación.

 

O impulso e a promoción de iniciativas que busquen a igualdade e apoien á comunidade universitaria nas súas actuacións diante de situacións de acoso por razón de sexo, de orientación sexual e de identidade de xénero tamén figuran entre os cometidos desta comisión, o órgano que se ocupa de dar traslado ás autoridades competentes dentro da Universidade dos casos dos que teña coñecemento.

 

A profesora da USC Rosa Romero, que tamén é subdirectora da EPS de Enxeñaría de Lugo, agradeceu na súa intervención o premio outorgado Comisión de Igualdade de Xénero do centro, da que tamén forma parte, ao tempo que fixo unha reflexión sobre a necesidade de seguir a traballar para normalizar a situación da igualdade de xénero.

 

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, presidiu este venres no consistorio lugués a entrega destes galardóns, unha cerimonia na que tamén participou a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e coa que o Concello de Lugo celebra o Día Internacional da Muller e no marco da que tamén recibiron esta distinción Paula Fraga, polo seu activismo a prol da muller e da abolición da prostitución, e Kristal Ramírez, en recoñecemento á súa loita na procura dos dereitos  do colectivo LGTBIQA+.

 

Cerimonia de entrega dos III Premios a TFG Enxeñaría e Muller Rural

A Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría da USC celebrará este luns 11 de marzo, ás 12.00 horas, na sala de xuntas do centro universitario, a cerimonia de entrega dos III Premios a Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural, no marco dun acto presidido pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e no que tamén participarán a alcaldesa Lara Méndez, a deputada provincial responsable da área de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a xefa territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias.

 

A cerimonia de entrega dos III Premios a TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural, unha sesión na que se distinguirán os proxectos presentados por graduada en Enxeñaría Civil Cristina Vila Paz e pola nova titulada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Gabriela del Valle Bugallo González, contará tamén coa participación da coordinadora do GDR Limia-Arnoia, Eva González. Esta enxeñeira formada na EPSE do campus lugués ofrecerá o relatorio ‘De nena a moza, case nunca enxeñeira’.


Outras imaxes


Público asistente e galardoadas nos III Premios Entre Mulleres, no consistorio de Lugo