Saltar ao contido principal
Xornal

GEM Galicia presentou un informe sobre o emprendemento en Galicia na última década desde unha perspectiva de xénero

Actualizada: 12-03-2019 14:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Carla Reyes, José Díez de Castro, Eva López e Isabel Neira

O proxecto GEM, observatorio da actividade emprendedora en Galicia, presentou na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o informe monográfico 10 anos de emprendemento en Galicia: un enfoque de xénero, no que se analiza o perfil da persoa emprendedora durante a última década. O acto contou cunha mesa redonda na que participaron o director xeral de Universidades, José Díez de Castro; a directora de Executivas de Galicia, Carla Reyes; a coordinadora de Woman Emprende, Eva López, e a coordinadora de GEM-Galicia, Isabel Neira, que remarcaron a importancia do emprendemento no tecido empresarial e animaron aos asistentes a pór en marcha novas iniciativas de negocio.

O informe analiza tres períodos: 2008-2010, nos que os efectos da crise son notorios nalgúns indicadores; 2011-13, en termos de iniciativa emprendedora coas consecuencias mais claras, e, finalmente, os segmentos 2014-17 como de recuperación e estabilidade na actividade empresarial.

En canto ás diferenzas por xénero, apréciase unha converxencia entre as taxas de emprendemento dos estudantes universitarios, superior ao 6% para ambos xéneros, mentres que as mulleres non universitarias se distancia máis dos homes, con taxas que non superan o 4% nos períodos analizados. A que emprende é a poboación nova, maioritariamente menor de 45 anos, e na que máis da metade da poboación que dispón de estudos universitarios ten máis de 30.000 euros de ingresos anuais, un factor que contribúe en gran medida ao éxito dos negocios, xa que no último ano o 46% dos abandonos ocorreron en emprendedores con menos de 20.000 mil euros de renda anual.

Emprender por necesidade
Outro factor que pode condicionar o éxito dun negocio é a motivación. Despois da crise de 2008, o emprendemento por necesidade cobrou forza como un factor importante, sendo moito máis elevado en aqueles que non teñen estudos universitarios, e especialmente no caso dos homes.

Cando falamos de emprendedores, unha das frases máis populares é que ven oportunidades onde a poboación xeral non o fai. Este feito é especialmente relevante nos períodos en que a crise económica foi máis intensa, como o que vai de 2011 a 2013, onde só o 10% das mulleres galegas vían oportunidades.

En relación coa actividade realizada, o sector servizos é maioritario para os universitarios, especialmente nas mulleres, onde se inclúen case todos as entrevistadas. Cerca do 30% destas iniciativas son innovadoras no caso das mulleres e o 40% para varóns universitarios.

Unha das características mais diferenciadas por xénero é o temor o fracaso, que de media en Galicia se sitúa no 46,9% da poboación nos últimos anos, cifra superior á media española (36%) e só superada por algúns países do entorno do sur de Europa como Italia ou Grecia. Se analizamos a poboación masculina, as diferenzas son moi significativas de modo que tan só o 26% dos emprendedores con estudos universitarios e o 30% dos restantes manifestan ese temor, fronte a máis do 40% da poboación en xeral. No caso das mulleres, este é un aspecto común a todas, con e sen estudos, emprendedoras ou non.

Finalmente, un dos aspectos mais comentados é a percepción de modelos de referencia, sendo cada vez maior a poboación que manifesta atopalos, e moi maioritaria nos emprendedores con estudos universitarios (77%).