Saltar ao contido principal
Xornal

A Rede Revolta abre un espazo de interacción entre universidade e sociedade para atender os desafíos que incorpora o 'ecofeminismo'

As profesoras da USC Ana Cabana e Mar Pérez Fra abren este venres, ás 9.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo o foro orientado a minguar as desigualdades contemporáneas

Actualizada: 14-03-2019 14:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada promovida pola Rede Revolta

A Rede Revolta, integrada por oito grupos de investigación ao redor da agroecoloxía, organiza o este venres 15 de marzo, a partir das 9.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo a xornada ‘ Ecofeminismos e o Rural’, un foro aberto a todo o público interesado e orientado a minguar as desigualdades contemporáneas a través da xénese dun novo espazo de debate e interacción entre a universidade e sociedade que permita avanzar e pensar as liñas de investigación que se abren arredor do ecofeminismo, ademais de atender aos novos desafíos que incorpora este movemento.

 

A combinación do ecoloxismo e do feminismo supón unha fenda ao discurso neoliberal que cousifica a muller e a natureza, o que trae consigo un novo relato de como atender ao presente, así como abre unha nova xanela na que comezar a construír pontes que procuren outros mundos menos desiguais. Daquela, a xornada ‘Ecofeminismos e o rural’, promovida pola Rede REVOLTA e coordinada polas profesoras Ana Cabana, Mar Pérez Fra e Elena Fernández Rodríguez,  antóllase como un foro aberto acaído para explorar este novo mundo de posibilidades

 

Unha palestra na que a profesora Beatriz Fernández Herrero analizará o ecofeminismo como proxecto ético e político abrirá a quenda de intervencións dun foro, no que, de seguido, tamén intervirán a poeta e veterinaria María Sánchez afondará sobre as cosmovisións no rural, mentres que a investigadora e activista Araceli Macías e a secretaria do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, tratarán sobre as novas formas de ler as comunidades e a produción.

 

A profesora Mar Pérez Fra, xunto a artista Carla Souto e a agricultora de subsistencia Catalina Santiago, abordarán as outras formas de ler a terra. As conversas terán continuidade coa investigadora Elena Fernández e a agricultora Dora Cabaleiro, relatoras que farán fincapé na importancia de situar de novo e atender o cotiá e os tempos no rural. Co Encontro Ecofeminismos e rural procuramos abrir un espazo de debate na universidade co que atender ás demandas que a sociedade ten ao redor dos desafíos que o ecofeminismo incorpora.

 

O programa da xornada ‘Ecofeminismos e o Rural’, organizada en colaboración co Concello de Lugo, prolongarase en quenda de mañá e rematará cunha exposición final sobre os principais temas e liñas de traballo trazadas neste encontro.