Saltar ao contido principal
Xornal

Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual entre a mocidade na Facultade de ADE

“O talento e o coñecemento non entenden de xénero”, lembra Montserrat Valcárcel na apertura do foro promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia

Actualizada: 14-03-2019 14:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes nas xornadas sobre prevención e sensibilización de violencia sexual na mocidade

As xornadas de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade, un programa promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia xunto cos servizos de igualdade de xénero das tres universidades galegas, recalaron este mércores na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC, onde decenas de estudantes, docentes e demais membros da comunidade universitaria tiveron a ocasión de tomar conciencia e reflexionar sobre a grave problemática da violencia sexual.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salientou a inequívoca aposta da USC pola igualdade entre homes e mulleres. “O talento e o coñecemento non entenden de xénero”, sinalou Valcárcel, ao tempo que lembrou os servizos de que dispón a institución académica para prestar axuda e asesoramento a aquelas persoas que poidan ser vítimas deste tipo de violencia ou queiran dar conta de posibles casos.

 

A secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, lembrou na súa intervención as distintas iniciativas promovidas neste eido pola Administración autonómica para tratar de loitar contra unha problemática que nos últimos anos “está moito máis visibilizada”, a pesar de recoñecer que “as dificultades de dar o paso e proceder a denunciar este tipo de situacións”.

 

Unha vez rematado o acto de benvida ao numeroso público citado na Facultade de ADE do campus de Lugo para participar neste foro informativo e de sensibilización, unha sesión inaugural na que tamén interviñeron a decana do centro universitario, Begoña Barreiro Fernández, e o xefe territorial da Conxellería de Administracións Públicas e Xustiza en Lugo, Ramón Carballo, o profesor de Socioloxía da USC Jorge García Marín abriu a quenda de intervencións cun relatorio sobre a performance da masculinidade hexemónica e a preservación deste privilexios.

 

O sociólogo Hilario Sáez Méndez, da Fundación Iniciativa Social, centrou a súa intervención no tránsito da violencia de xénero cara as violencias machistas que resulta visible en comportamentos e accións como os que tiveron como protagonistas as chamadas manadas.

 

A activista e integrante do colectivo Feminicidio.net Amelia Tiganus abordou no seu relatorio as relacións entre prostitución e pornografía coa violencia sexual comercial. Alén desta dimensión social deste tipo de violencia, a xornada de sensibilización e prevención chegou ao seu colofón cunha exposición sobre incidencia deste tipo de violencia en parámetros de saúde, a cargo da profesora da UDC María Jesús Movilla.


Outras imaxes


Barreiro, López Abella, Valcárcel e Carballo, na apertura do foro celebrado na Facultade de ADE da USC