Saltar ao contido principal
Xornal

Clausurada a décima promoción de Estalmat-Pi Galicia na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 18-03-2019 10:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Por esta edición pasaron 21 participantes, na foto xunto cos responsables de Estalmat-Galicia

A promoción de 2016 de ESTALMAT-Galicia, Programa para o ESTímulo do TALento MATemático, celebrou esta fin de semana o seu acto de despedida definitiva na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Este acto ten lugar despois de que o alumnado tivera a oportunidade de asistir este ano ao ESTALMAT- p , un programa anual que se lle ofrece aos estudantes que rematan os dous primeiros cursos de ESTALMAT-Galicia para que non perdan o contacto e a afección polas matemáticas. A xornada de despedida comezou cunha sesión especial para o estudantado da promoción e as súas familias que tiveron ocasión de asistir a dúas conferencias sobre a situación dos estudos e da investigación en matemáticas en Galicia e no mundo.

A primeira das conferencias foi impartida pola decana da Facultade de Matemáticas da USC e membro do Comité Organizador de ESTALMAT_Galicia, Elena Vázquez Cendón, co título ‘A pegada da docencia conformando a profesionais das Matemáticas no tempo’.  Nela reflexionouse sobre a visibilidade da ciencia e das matemáticas na sociedade, cun percorrido pola historia das matemáticas na USC salientando ás persoas que a fixeron posible, cun especial recoñecemento ás mulleres. Informou ademais dos estudos de grao, dobres graos e másteres que se poden cursar na Facultade compostelá presentando os datos correspondentes de satisfacción e empregabilidade realizado en colaboración co IMAT.

A segunda conferencia estivo a cargo do presidente de ESTALMAT-Galicia e ex-reitor da USC, Juan Viaño, baixo o título ‘O papel das matemáticas no século XXI’. O profesor Viaño centrou a súa charla na importancia desta disciplina ao longo da historia para resolver os problemas da humanidade e da necesidade que teñen os gobernos e os centros de investigación de apostar polas matemáticas, as ciencias computacionais e as disciplinas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)   para facer fronte ás necesidades e retos tecnolóxicos da humanidade na actualidade e no futuro. Rematou a conferencia cunha comparativa dos recursos e dos resultados da investigación en matemáticas que se realiza en España e en Galicia, na que deixou en evidencia que as matemáticas na USC viven o momento máis brillante da súa historia, sendo un dos centros de referencia internacional polo impacto dos nosos resultados.

Ao remate da charla, tivo lugar o acto de despedida formal dos 21 participantes que remataron o curso, 7 rapazas e 14 rapaces,   acompañados das súas familias, e no que ademais da decana Elena Vázquez Cendón, e o presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño, participaron a responsable de relación coas familias de ESTALMAT-Galicia, Trinidad Pérez López, o presidente de Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA), Julio Rodríguez Taboada`, e o presidente da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO), César Sánchez Sellero.

Entidades colaboradoras
AGAPEMA e SGAPEIO son sociedades galegas colaboradoras do proxecto ESTALMAT-Galicia.  SGAPEIO entregoulles como agasallo ás e aos estudantes o libro A Estatística en Caricaturas que recibiron tamén  un exemplar do ‘Informe de valoración e proxección dos estudantes egresados do proxecto ESTALMAT-Galicia-Promocións 2007-2015’ que con motivo do seu 10º aniversario acaba de realizar o proxecto coa colaboración do Instituto de Matemáticas e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. ESTALMAT-Galicia conta con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ademais do apoio institucional, cesión das infraestruturas e colaboración do persoal da Facultade de Matemáticas.

Seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas, os e as integrantes da promoción de ESTALMAT-p asistiron durante trece sesións ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento logo de xa ter participado nos cursos 1º e 2º  do programa oficial de ESTALMAT-Galicia. Estas actividades  impártense as mañás dos sábados na Facultade de Matemáticas por un equipo docente de máis de 50 profesores de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido.