Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría da USC celebra este xoves o Día Forestal con relatorios, a plantación dunha árbore e a lectura dun manifesto

O ex director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán José Antonio Vega falará, ás 11.00 horas, no salón de actos do centro, sobre incendios e cambio climático

Actualizada: 20-03-2019 11:54
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC celebra este xoves diversas actividades conmemorativas da celebración do Día da Árbore e Día Forestal Mundial. O programa organizado polo centro universitario lugués co gallo desta efeméride comezará ás 11.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría, co relatorio ‘Os lumes do cambio climático demandan un cambio de estratexia’, a cargo de José Antonio Vega, ex director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

 

Unha vez rematada a intervención de José Antonio Vega, o alumnado do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e do Máster en Enxeñaría de Montes, procederá ás 12.00 horas á lectura dun manifesto conmemorativo desta data. O seminario ‘Modelización matemática e simulación numérica da temperatura e da humidade no dosel arbóreo’, impartido polo profesor da Universidade de Guadalajara (México) Carlos E. Villarreal Olavarrieta e programado a partir das 12.15 horas, servirá de colofón desta xornada arredor do Día Forestal.

 

Taller ambiental no marco do Life Lugo+Biodinámico

Profesores e investigadores da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC participarán este xoves, a partir das 10.00 horas, no polígono lugués das Gándaras, nun obradoiro ambiental con persoas refuxiadas relacionadas coa asociación Accem de Lugo, programado no marco do programa LIFE Lugo+Biodinámico, co gallo da celebración do Día Forestal Mundial e do Día da Árbore.

 

Esta actividade formativa e de carácter divulgativo comezará a desenvolverse nunha parcela de silvicultura próxima ás instalacións de Decathlon. A comitiva participante visitará tamén o souto plantado neste enclave da cidade e tamén visitará a área húmida que agarda a acadar o recoñecemento de Espazo Natural de Interese Local (Enil), e o Arboretum. As persoas participantes farán plantacións simbólicas nestes espazos co gallo da celebración desta efeméride.