Saltar ao contido principal
Xornal

María Pilar Jiménez Aleixandre recibe o prestixioso premio Distinguished Contribution to Research Award

É a primeira investigadora española que gaña o galardón da asociación estadounidense de investigación en didáctica das ciencias NARST

Actualizada: 20-03-2019 12:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Marilar Aleixandre, na cerimonia de ingreso na Real Academia Galega. Foto: RAG

A profesora ad honorem da USC María Pilar Jiménez Aleixandre acaba de ser galardoada coa máxima distinción que outorga anualmente a organización mundial de investigación en didáctica das ciencias NARST (National Association for Research in Science Teaching), o Premio á Contribución Sobresaliente á Investigación de 2019, o máis importante do mundo na área de didáctica das ciencias e que, desde o seu inicio en 1986, unicamente recaeu en catro investigadores europeos. A profesora da USC é a primeira investigadora española en recibilo. O galardón recollerao o 31 de marzo en Baltimore no transcurso do Congreso anual de NARST.

Coñecido polo acrónimo DCRA (Distinguished Contribution to Research Award), o premio recoñece anualmente a traxectoria de quen “a través de investigacións durante un longo período de tempo fixo contribucións continuadas e sobresalientes, forneceu un notable liderado e tivo un impacto substancial na área de didáctica das ciencias".

Entre as contribucións que NARST tivo en conta para recoñecer a profesora Marilar Jiménez Aleixandre cómpre destacar, ademais das súas numerosas publicacións, a dirección de proxectos de investigación financiados e a súa proxección internacional nas áreas de argumentación e prácticas epistémicas. Saliéntana tamén como figura destacada entre a comunidade de investigadores ibero-latinoamericanos e mesmo cun papel fundamental no establecemento da Asociación Europea de Investigación en Educación Científica (ESERA), que agora é un próspero grupo internacional de investigación con máis de 1.800 membros.

Jiménez Aleixandre, cun índice h de 32, é ademais primeira autora dun dos artigos pioneiros en iniciar a liña de investigación sobre argumentación e uso de probas en ciencias (Jiménez-Aleixandre, M. P., Bugallo-Rodríguez, A. & Duschl, R. A. (2000). “Doing the lesson or doing science”: Arguments in high school genetics. Science Education, 84(6), 757–792) e que,  segundo estudos bibliométricos, é o artigo da Web of Science máis citado de educación (non só de didáctica de ciencias) de autoría española, con 1275 citas en Google Scholar.