Saltar ao contido principal
Xornal

O XVII Encontro Universitario de Danza presenta este xoves no Vello Cárcere de Lugo coreografías de tres compañías da USC

O programa de representacións comezará ás 20.30 horas. A entrada é libre e de balde para todas as actuacións

Actualizada: 20-03-2019 14:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do XVII Encontro Universitario de Danza

O XVII Encontro Universitario de Danza levanta o pano este xoves 21 de marzo coa presentación de coreografías de tres compañías da USC. A formación independente de nova creación na USC Schattenidentitäten abre, a partir das 20.30 horas, no patio central do Vello Cárcere de Lugo, o programa de representacións deste certame artístico coa coreografía All the world's a stage, unha peza interpretada e con coreografía de Xina Menrad e José Vera. Esta produción é realidade grazas o programa anual da Área de Cultura de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de Danza e Teatro, que convoca a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.

 

Logo da intervención desta formación independente da USC, a compañía da Aula de Danza Normal da Universidade de Coruña (UDC) presentará ao público lugués a obra ACCIÓNS, con coreografía de Rut Balbís. A compañía DanzaUSC-Lugo botará o pano da xornada inaugural deste encontro coa produción Permeables, con coreografía de Rosa Acuña.

 

A formación sénior, Sen Vergoña, integrada por alumnado do IV Ciclo do campus de Lugo da USC, abrirá, á mesma hora e no mesmo escenario o programa do 22 de marzo, coa presentación de Resilencia, con coreografía de Rosa Acuña. De seguido, a compañía DanzaUSCompostela porá en escena O solsticio de Piazzola, unha nova produción con coreografía de Xiana Vilas. A xornada rematará cunha nova intervención da Compañía DanzaUSC-Lugo.  A entrada é libre e de balde para todas as actuacións.