Saltar ao contido principal
Xornal

O Festival de Teatro Universitario celebra as vodas de prata en Lugo do 26 de marzo ao 1 de abril cun programa de calado social

Catro compañías presentarán as súas montaxes no ‘Gustavo Freire’ nun certame que festexará o Día do Teatro con intervencións na rúa e a lectura pública dun manifesto

Actualizada: 21-03-2019 13:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Jesús Varela e Pilar García Porto, con actores e a directora da compañía de teatro USC-Lugo, na presentción do XXV Festival de Teatro Universitario

O Festival de Teatro Universitario celebra as súas vodas de prata en Lugo cunha programación de marcado calado social que arrancará o 26 de marzo do auditorio municipal Gustavo Freire e que estenderá ata o 1 de abril cunha intervención na rúa conmemorativa do Día Internacional do Teatro e coa presentación das montaxes de catro compañías universitarias de Santiago, Lugo, Ourense e León.

 

A compañía de teatro Compañía de Teatro USC-Santiago de Compostela, dirixida por Roberto Salgueiro, abrirá o martes 26 de marzo, a partir das 20.30 horas, no ‘Gustavo Freire’, a quenda de representacións do XXV Festival de Teatro Universitario coa posta en escena da obra ‘A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour’.  Esta primeira achega creativa servirá de preludio do Día Internacional do Teatro.

 

A Aula de Teatro USC-Lugo organizará o 27 de marzo, co galo da celebración desta efeméride, un encontro aberto ao público no propio auditorio municipal, no que o público asistente poderá achegarse e coñecer o proceso de creación da obra ‘Casa de ilusións’, da man dos propios actores que interveñen nesta representación desta peza, adaptada e dirixida por Paloma Lugilde. As actividades complementarias organizadas neste festival para conmemorar o Día Internacional do Teatro terán continuidade á noitiña no casco histórico de Lugo  cunha intervención nas rúa, na que participarán máis de medio centenar de actores e actrices agromados en diversas formacións teatrais, tales como Achádego, Pinchacarneiro, Escola Palimoco Teatro Danza, Palimoquiños, Aula Teatro USC Lugo, Vaites Vaites Teatro, Teatro Círculo das Artes, Compañía Pinchacarneiro, Compañía Down Lugo, Teatro Antas de Ulla, Curuxan , Nova Escena, Sinovias ou, entre outras, 3Monos. A lectura dun manifesto, creado e pronunciado por Carlos Santiago, pechará, a partir das 21.00 horas, na escalinata da Praza Maior, os actos conmemorativos do Día do Teatro promovidos no marco deste festival universitario.

 

A actividade teatral tornará de novo ao ‘Gustavo Freire’ o 28 de marzo, a partir das 12.30 horas, cun ensaio xeral da obra ‘Casa de ilusións’, a cargo dos seis integrantes que conforman o elenco artístico de Aula de Teatro USC-Lugo. Esta actividade estará seguida dun coloquio aberto.

 

A compañía Teatro el Mayal, da Universidade de León, devolverá a actividade escénica ao auditorio municipal coa presentación en Lugo o 29 de marzo da obra ‘Aquí en la Tierra’, dirixida por Javier R. de la Varga. A compañía de teatro USC-Lugo acaparará as funcións durante a fin de semana con catro pases da obra ‘Casa de ilusións’. A primeira estas actuacións será o sábado 30, a partir das 20.30 horas. Esta formación universitaria repetirá do domingo con dúas funcións seguidas, programadas para as 18.00 e as 20.30 horas, respectivamente, e pechará a súa quenda de intervencións neste festival o luns 1 de abril cun pase matinal, ás 10.30 horas, no auditorio Gustavo Freire de Lugo. As entradas para presenciar as representacións da obra ‘Casa de ilusións’, que ten un aforo de 96 persoas en cada pase’, poden retirarse desde este venres 22 de marzo, en quenda de 10.00 a 14.00 horas, nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

 

A compañía Maricastaña, da Aula de Teatro Ourense da Universidade de Vigo botará o pano da XXV Festival de Teatro Universitario de Lugo o 1 de abril, a partir das 20.30 horas, coa presentación da montaxe ‘Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse’, unha obra dirixida por Fernando Dacosta.

 

A deputada delegada da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto, e o adxunto á vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Cultura, Estudantes, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, presentaron este xoves na Capela de Santa María a programación do XXV Festival de Teatro Universitario de Lugo, un certame tamén promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que contribúe a facer visible e a poñer en valor o importante labor teatral que se desenvolve no campus de Lugo da USC como no conxunto da provincia a través das distintas formacións e agrupacións existentes.

 

IV Certame Audiovisual Findecurta

O acto de presentación do XXV Festival de Teatro Universitario serviu tamén marco para informar da apertura do prazo de inscrición no IV Certame Audiovisual Findecurta, que se desenvolverá do 26 ao 30 de abril de 2019. Esta iniciativa, coordinada por Bruno Maez e impulsada desde a Oficina de Cultura do campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural,  pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais, ao tempo que busca ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo.

 

As bases polas que se rexe o IV Findecurta están accesibles na web www.lugocultural.gal, onde as persoas interesadas poden atopar tamén a ficha de inscrición neste certame, que agasallará con 400 euros a proposta máis valorada polo xurado. Asemade, as dúas curtas finalistas tamén serán proxectadas na 41 Semana Internacional de Cine de Autor que promove o Grupo Cinematográfico Fonmiñá.