Saltar ao contido principal
Xornal

A USC premia por segundo ano consecutivo os proxectos de ApS das súas aulas

Unha iniciativa de recuperación das tradicións a través da música e das artes fíxose co primeiro premio dos galardóns Responsabilidade Social e Innovación Educativa

Actualizada: 21-03-2019 13:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor coas persoas gañadoras e representantes de entidades colaboradoras. Foto: Servimav

A profesora do Departamento de Didácticas Aplicadas Carol Jean Guillanders recolleu este xoves de mans do reitor Antonio López o primeiro premio dos galardóns Responsabilidade Social e Innovación Educativa: a aprendizaxe-servizo (ApS) na docencia da USC polo proxecto ‘Recuperando as tradicións a través da música e das artes’, unha iniciativa levada a cabo con menores e maiores dos centros culturais do rural de Santiago.

Estes galardóns teñen como finalidade poñer en valor a participación social e a innovación educativa da USC cos axentes da súa contorna como ferramenta para o desenvolvemento de proxectos formativos que favorezan a calidade e a empregabilidade do alumnado. A esta segunda edición presentáronse un total de 11 experiencias de ApS na docencia realizadas na USC nos últimos tres anos.

O segundo premio do certame concedéuselle ao proxecto ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural, material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’ que asina o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Enrique Castelló, e do que –coa participación de máis de vinte asociacións veciñais e culturais, 14 docentes e 400 estudantes de tres facultades- xurdiu un mapa sonoro dos barrios de Compostela.

O terceiro premio foi para Jacobo Limeres Posse, profesor de Odontoloxía, pola iniciativa ‘ DentisTEAndo’ que consiste na elaboración de materiais pedagóxicos e protocolos de actuación na atención a pacientes con necesidades especiais severas e, en concreto, con Trastorno de Espectro Autista. Desenvolvido en colaboración con Aspanaes, o proxecto busca facerlle máis sinxela “e levadeira” a súa estadía no odontólogo.

O acto de entrega tivo lugar no Salón de Graos de San Xerome e nel, ademais do reitor, interviñeron as vicerreitoras de Organización Académica e de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo e Celia Besteiro Rodríguez; a responsable dos Centros Culturais do Rural do Concello de Santiago, María Pose Oreiro, e as estudantes de Ciencias da Comunicación Alba Pego Cores e Nuria Cancela López.

A ApS na USC
A Aprendizaxe-Servizo (ApS) é unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Así, nun marco de reciprocidade o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, permitíndolle mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

O auxe da ApS na educación superior está ligado a unha activa relación da universidade coa sociedade civil á que a USC non é allea, de tal xeito que, de maneira pioneira no marco universitario español, hai uns anos comezou cun plan de actuación destinado a dar formación e impulsar proxectos de innovación educativa neste campo. Os premios que hoxe se entregan son parte deste plan, que xa na convocatoria primeira gozou de grande éxito.