Saltar ao contido principal
Xornal

Catro mulleres do XVII no quinto concerto do ciclo ‘Le nuove musiche’

Actualizada: 21-03-2019 14:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Alumnado da ESMAE de Porto e de canto do Curso de Música Antiga da mesma escola portuguesa protagonizan este venres 22 o quinto concerto do ciclo ‘ Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’, que leva por título 'Lagrime mie, a che vi trattenete?'.

Será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidades cando soen diversas pezas compostas por catro mulleres da época : Françoise-Charlotte de Senneterre (1679-1745), Elisabeth Jacquet de La Guerre (1665-1729), Francesca Caccini (1587-1641) e Barbara Strozzi (1619-1677).

No elenco de intérpretes figuran as sopranos Carolina Bermejo, Bianca Alves, Eunice d’Aguiar, Rita Venda e Daniela Matos; os clavecíns Vasco Pereira e Diogo Zão; os violíns barrocos Mariña García Bouso e Francisco Cymbron; a frauta de bisel António Godinho, o violonchelo barroco Leonor Sá e a tiorba Pedro Martins.

O ciclo
O ciclo está centrado no seicento, “a época musical de occidente na que se sucederon os maiores e máis transcendentes cambios de todo o seu devir”, tal e como manifesta o profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. É o período no que nace o Barroco, no que a música instrumental adquire maiores dimensións grazas aos importantes avances técnicos e construtivos dos instrumentos, á aparición de executantes cada vez máis especializados e á incorporación e experimentación de novas formas e códigos de composición.