Saltar ao contido principal
Xornal

A residencia Bal y Gay da USC organiza un taller de restauración de mobles no marco do programa ‘Corresponsabilízate!’

A traballadora da USC Julia Galego Varela impartirá este luns a primeira sesión de 19.00 a 21.00 horas. A segunda xornada formativa será o mércores 27 no mesmo horario

Actualizada: 22-03-2019 09:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

O programa de obradoiros de supervivencia doméstica ‘Corresponsabilízate!’, impulsado pola Oficina de Igualdade de Xénero dependente da Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da USC e organizado pola residencia universitaria Jesús Bal y Gay coa colaboración da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, desenvolverá este luns 25, de 19.00 a 21.00 horas, un taller de restauración de mobles. A actividade terá continuidade o mércores 27, na mesma quenda horaria, cunha nova sesión formativa impartida por Julia Galego Varela.

 

O obxectivo do programa ‘Corresponsabilízate!’, unha iniciativa a través da que se dá cumprimento á acción 4.4. do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC, é o de fomentar un cambio cultural que favoreza a corresponsabilidade de homes e mulleres no desenvolvemento de tarefas básicas no fogar.

 

Daquela, a USC traballa a prol da corresponsabilidade, entendida como unha manifestación dos dereitos das mulleres e dos homes á libre configuración do seu tempo, ademais do reparto equitativo na asunción de tarefas domésticas e de coidado, a través de obradoiros dirixidos ao alumnado residente nos espazos de convivencia que representan os colexios maiores e residencias universitarias da USC, lugares acaídos para desenvolver accións formativas como ferramentas de deconstrución dos estereotipos de xénero.

 

Os obradoiros de supervivencia doméstica ‘Corresponsabilízate!’, un programa que botou andar no pasado curso no campus de Lugo, continuarán este curso académico cun taller de restauración de mobles. A PAS da USC, Julia Galego Varela, será a encargada de guiar esta sesión de marcado carácter práctico. O alumnado participante terá a oportunidade de aprender as diferentes técnicas de restauración de mobles que porán en práctica dándolles un novo uso ás mesas cedidas á residencia pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas e que virán a completar o mobiliario da súa biblioteca.