Saltar ao contido principal
Xornal

Máis alá do Estereotipo, primeira exposición individual da artista compostelá Mery Pais en Galicia

Inaugúrase o xoves 28 na Igrexa da Universidade

Actualizada: 22-03-2019 12:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago, en colaboración co Concello compostelán e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, inaugura o vindeiro xoves 28 ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade a mostra ‘Máis alá do Estereotipo’, a primeira exposición individual da artista compostelá Mery Pais (Santiago, 1990) en Galicia.

Comisariada por Íñigo Rodríguez, a exposición recolle o máis importante traballo da autora desde os seus anos de formación no Instituto de Belas Artes de Tetuán ata os proxectos máis recentes. As pezas escollidas para Máis alá do Estereotipo mostran a súa versatilidade técnica, con fotografía, vídeo instalación, cerámica, instalación sonora ou neon.

Pais é unha creadora Valente e controvertida que aposta nas súas obras por unha arte abertamente política e con perspectiva de xénero. Analiza os modelos de conduta que se dan na relación entre Europa e norte de África, sinalando estereotipos enquistados nas dúas sociedades, que anulan o individuo e alimentan os mesmos medos que veñen perpetuándose a ambos lados do Estreito durante séculos.

Así, na Igrexa da Universidade o visitante poderá atopar pezas como Detrás del Velo I e Detrás del Velo II coas que a artista afonda na liberdade de elección individual da muller musulmá ou La Fábrica, unha crítica feroz á relixión como xigante e perenne maquinaria que persiste no distanciamento intercultural.

A mostra poderá visitarse ata o 26 de abril de luns a ventres de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:30 e os sábados de 18:00 a 20:30 horas.