Saltar ao contido principal
Xornal

O reitor Antonio López reivindica a busca de espazos comúns entre Universidade e cidade

Actualizada: 25-03-2019 20:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

“Non só facer para a cidade, senón facer coa cidade, coa cidadanía e co seu tecido empresarial e produtivo”. Así definiu este luns o reitor Antonio López a misión da Universidade de Santiago de Compostela na conferencia ‘Universidade e cidade’ que pronunciou na sede compostelá de Afundación convidado polo Ateneo de Santiago.

No seu relatorio, que comezou cunhas reflexións xerais acerca da autonomía e a función social das universidades á vez que puxo exemplos reais da relación destas coas localidades nas que se asentan, advertiu que “na USC concibimos a cidade como un conxunto de elementos institucionais”. “ Calquera proxecto que afecte as infraestruturas da USC afecta as infraestruturas da cidade”, dixo, e marcouse como obxectivo “racionalizar os usos e poñer en común espazos e sinerxías baixo unha mesma premisa: a conformación da idea de cidade”.

“Compartimos espazo”, afirmou, “e iso supón a concepción do espazo físico que ocupa a USC como espazo para a cidadanía”, algo que trasladaba ao futuro xardín botánico -“que non pode ser só para investigación senón que ten que ser un espazo cidadá”-, a un aparcamento soterrado no Campus Sur “para buscar unha mobilidade sostible” e a un proxecto para Ciencias da Saúde, “buscando unha solución arquitectónica axeitada e valorando o seu impacto na cidade”.

Lobbies en Santiago e Lugo
O grupo de traballo coa Cámara de Santiago e a relación cos empresarios do Polígono do Tambre foron dous exemplos remarcados por Antonio López como iniciativas a fortalecer “na procura da construción de lobbies tanto en Santiago como en Lugo”. Este traballo iniciado en Santiago terá os seus correspondentes esforzos en Lugo “cos axentes económicos e sociais da cidade”, adiantou.

Nesta mesma dimensión, o reitor aludiu a iniciativas que poñen en valor esta colaboración entre Universidade e cidade. Así, lembrou que a USC participa no HUB de Innovación Dixital DataLife, unha convocatoria de Gain aínda por resolver na que xuntan as súas capacidades os Cluster da Madeira e da Acuicultura, Clusaga, Anfaco-Cecopesca, Bioga e o Cluster Saúde de Galicia, que representan no conxunto do tecido produtivo galego máis de 3.350 empresas que supoñen o 20% do emprego total de Galicia.

Igualmente sinalou a Bioincubadora financiada por Incyde para apoiar a creación e incubación de empresas de base biotecnolóxica no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, e SPIN-Up, un proxecto de Uninova coa Cámara de Santiago, o Tambre, a Universidade de Porto e o IGAPE cuxo obxectivo é formar empresas no ámbito local en Santiago e Porto para estimular a transferencia de tecnoloxía e coñecemento no Espazo de Cooperación.

En aras dunha máis efectiva colaboración administrativa e institucional, o reitor apelou á constitución dunha comisión de seguimento interadministrativa que sirva para facilitar a tramitación de todos os expedientes relacionados coa Universidade e o Concello.

Coa fin de avanzar na consecución dunha maior relación entre a universidade compostelá e as cidades nas que se asenta, o reitor avanzou que pretende manter reunións con cada un dos candidatos e candidatas ás alcaldías de Santiago e Lugo para trasladarlles os proxectos e desafíos da USC en relación coas cidades e así coñecer tamén as súas propostas a respecto da institución.