Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto ‘As veciñas opinan do Xalo’ centra a temática dun coloquio e dunha mostra fotográfica aberta na EPS de Enxeñaría

A investigadora Beatriz Rodríguez-Morales falará, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas do centro lugués, sobre o uso e a xestión do monte comunal Xalo de Culleredo

Actualizada: 26-03-2019 10:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

O proxecto ‘As veciñas opinan do Xalo’ centra este mércores a temática dunha exposición fotográfica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC e o coloquio que guiará, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas do centro, a investigadora Beatriz Rodríguez-Morales, así como outras mulleres que tomaron parte nesta iniciativa.

 

A sesión, de acceso libre e de balde para todas as persoas interesadas, está pensada como un encontro en clave de xénero no que as mulleres tomen a palabra para falar dende o seu punto de vista do uso e xestión do monte comunal Xalo (Culleredo, A Coruña), do seu grao de participación na gobernanza do mesmo, e das aportacións persoais e sociais que este monte do que son veciñas lles reporta. 

 

Trala celebración desta charla, procederase á clausura da exposición fotográfica complementaria ‘As Veciñas Opinan do Xalo’, unha mostra interesante non só polo valor estético das imaxes, senón polo contido das súas mensaxes: odas á beleza do monte, ós recursos que regala, críticas sobre o estado de conservación ou retratos dos cambios acontecidos na paisaxe e nos usos que se fan dela.

 

A exposición, integrada por imaxes tomadas por 23 mulleres que participaron no estudo de investigación proposto pola equipa Opina do Xalo do grupo de investigación Ecoagrasoc da USC, permanece aberta ao público no pavillón 3 da EPS de Enxeñaría da USC e constitúe un exemplo de posta en valor da colaboración da cidadanía coa universidade na construción do coñecemento científico.