Saltar ao contido principal
Xornal

O ciclo ‘As mulleres dos mortos’ reflexiona sobre a relevancia do estudos dos esqueletos infantís

Actualizada: 26-03-2019 12:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O ciclo ‘As mulleres dos mortos’ alcanza o seu ecuador coa terceira das conferencias programadas, titulada ‘Os esqueletos dos nenos tamén falan’ e impartida por Carme Rissech, docente e investigadora nas universidades de Barcelona e Girona. A partir das 20.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Bioloxía, Rissech falará sobre como crecen o esqueletos humanos e as dificultades de ser nenos/as no pasado, con particular atención ás enfermidades ou aos problemas de crecemento e alimentación. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo.

Na conferencia comparará tamén o proceso de desenvolvemento dos humanos co doutros primates e como se teñen marcado os efectos de determinadas enfermidades ou a falta de alimentación nos corpos de nenos/as que viviron hai centos ou miles de anos. Como explicará a conferenciante, os estudos neste ámbito -unha disciplina aínda nova- revelaron que a infancia era unha realidade moito máis complexa do que se cría. Ademais, o estudo destes restos da antigüidade gardan información valiosa para a súa proxección cara o futuro con aplicacións para a resolución de casos forenses ou mellorar as condicións de vida dos máis cativos no presente e no futuro.

As promotoras desta iniciativa, a investigadora Olalla López-Costas e a profesora María Loureiro, destacan a boa acollida e o éxito de público que están a cultivar estes relatorios, cuxo obxectivo é achegar á sociedade os traballos arqueolóxicos e forenses que están impulsando destacadas mulleres que lideran a investigación nas súas respectivas materias.

Red Consiliencia
O encontro está organizado pola Rede Consiliencia, financiada pola Xunta de Galicia, que aglutina grupos de investigación das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña nos ámbitos da Arqueoloxía, Historia, Ciencias Sociais, Antropoloxía Física, Ciencias da Terra e Tecnoloxías da Información e Comunicación. O programa está dispoñible na web http://paleodietmeetspaleopathology.com/.