Saltar ao contido principal
Xornal

A aceleradora do sector alimentario Business Factory Food, na que participa a USC, presenta a súa oferta no campus de Lugo

A sesión aberta á cidadanía interesada desenvolverase este mércores 27 de marzo a partir das 12.00 horas no edificio Cactus

Actualizada: 26-03-2019 13:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da aceleradora Business Factory Food

A aceleradora vertical especializada no sector alimentario Business Factory Food (BFF), unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado (Xesgalicia) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), na que participa a USC xunto coas demais universidades galegas, entre outras entidades e empresas, celebra este mércores 27 de marzo, a partir das 12.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, unha xornada de presentación.

 

Esta primeira sesión informativa arredor da Business Factory Food está pensada como un foro de achegamento a toda a cidadanía interesada e que aínda pode formalizar a súa inscrición en liña. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, dará a benvida a todos os participantes neste foro no marco dunha sesión na que tamén intervirán como relatores o xerente da Business Factory Food, Javier Álvarez Osuna, e Juan Feijoo Casanova, da Área de Competitividade-Igape.

 

A BFF é unha aceleradora que busca solucionar retos do sector alimentario e da industria 4.0, a través de empresas en vías de constitución ou recentemente constituídas, ofrecendo para iso financiamento, infraestruturas, mentorización, coaching e formación. Para acadar este obxectivo, a BFF conta coa dinamización, xestión e coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e co apoio de grandes empresas tractoras do sector, como Grupo Calvo, Grupo Nova Pescanova, Adegas Martín Códax, Kiwi Atlántico, Cravo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Quescrem e Torre de Núñez.

 

Esta nova iniciativa conta tamén cun elevado nivel de representatividade, xa que ademais das tres universidades galegas, tamén participan da Business Factory Food a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). Todos os socios da BFF achegan coñecemento experto, infraestruturas e medios técnicos a disposición dos emprendedores para o desenvolvemento e avance dos seus proxectos.

 

Próxima presentación Santiago

O acto informativo da Business Factory Food programado no campus de Lugo terá tamén a súa réplica o vindeiro 8 de abril no edificio Cibus do campus compostelá. O director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; o xerente da Business Factory Food, Javier Álvarez Osuna, e Juan Feijoo Casanova, da Área de Competitividade-Igape, serán os tres relatores que participarán na posta de largo da BFF entre a comunidade universitaria compostelá.