Saltar ao contido principal
Xornal

Antonio Segura, novo presidente da Conferencia Española de Decanos e Decanas de Bioloxía

Actualizada: 27-03-2019 10:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio segura é decano de Bioloxía da USC dende 2014

O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional, Antonio Segura Iglesias, acaba de ser elixido presidente da Conferencia Española de Decanos e Decanas de Bioloxía. O relevo da profesora da Universidade de Estremadura Lucía Rodríguez Gallardo decidiuse no transcurso da sesión plenaria da LXVIII Conferencia de decanos.

Nesa mesma sesión elixíronse os outros cargos da Comisión Permanente da Conferencia que acompañarán o novo presidente: Luis Herrero Rama, da Universidade de Sevilla, como secretario; Bernhard Oliver Vögler, da Universidade das Illes Balears, como tesoureiro, e como vogais Rosario Arévalo Arévalo, da Universidade de Salamanca, e Mª Carmen Bañó Aracil, de Valencia.

O novo equipo pretende continuar coa colaboración co Consello Xeral de Colexios de Biólogos de cara ao recoñecemento da profesión de biólogo sanitario con efectos profesionais habilitantes na Lei de Ordenación das Profesión Sanitarias, que xa foi presentado ante o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social. Na mesma liña, estase a traballar no recoñecemento profesional do biólogo ambiental así como no recoñecemento das competencias profesionais do graduado en Bioloxía.

No transcurso da asemblea da Conferencia aprobouse ademais un manifesto a prol da innovación educativa e a aprendizaxe integrada e interdisciplinar das (bio)ciencias, facendo un chamamento a todos os axentes e institucións con competencias en educación e ciencia para que se incentive e se recoñeza a participación do profesorado na mellora dos métodos de ensino na universidade española.

Outro dos desafíos da Conferencia para o futuro será a posta en común, respecto ás equivalencias, das titulacións afíns á de graduado en Bioloxía tales como Biotecnoloxía, Bioquímica, Xenética, Bioloxía Humana ou Biomedicina, Ciencias Ambientais, etc, xa que algúns dos seus titulados xa poden optar ao exame que habilita para a formación BIR (Biólogo Interno Residente) do Sistema Nacional de Saúde.

Antonio Segura
Antonio L. Segura Iglesias (Pontevedra, 1954) é profesor da área de Fisioloxía Vexetal e integrante do grupo de investigación VitisResearch, no que coordinou varios proxectos financiados polo Ministerio e a Xunta de Galicia e tamén coa empresa. Como especialista en patoloxía vexetal é coautor de diversas publicacións relacionadas coa epidemioloxía, diagnóstico e transmisión de enfermidades de etioloxía vírica en viñedos, ademais de estudos sobre biotecnoloxía e a función xénica de vide. É decano dende 2014 e colaborou nas labores de goberno coma secretario e vicedecano da Facultade no período 1995-2002.


Outras imaxes


Foto de grupo dos decanos e decanas que asistiron á asemblea