Saltar ao contido principal
Xornal

A rede Remedia ve nos sistemas agroforestais e silvopastorais dúas chaves para mitigar as “catástrofes” do cambio climático

Uns 100 investigadores afondan desde este mércores na EPS de Enxeñaría de Lugo nos efectos do cambio climático e nas liñas de actuación para mitigas estas consecuencias

Actualizada: 27-03-2019 11:54
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Autoridades participantes na apertura do VII Workshop da Rede Remedia

A Rede científica de mitigación de emisións de gases de efecto invernadoiro no sector agroforestal (Remedia) ve nos sistemas agroforestais e silvopastorais dúas ferramentas acaídas para mitigar os “efectos catastróficos” que está a deparar e incrementará no futuro o cambio climático. Estas ideas presidiron a sesión inaugural do VII Workshop da Rede Remedia, un foro de análise e debate sobre as posibles solucións que achegan os sistemas agroforestais na loita contra os efectos derivados do cambio climático que reúne este mércores e xoves arredor dun centenar de investigadores procedentes de toda España e tamén a convidados internacionais na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC .

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, salientou na sesión inaugural a pertinencia da celebración deste foro ambiental na sede universitaria luguesa, un campus que avanza na súa especialización arredor dos usos, conservación e aproveitamentos da terra e que aspira a ser referencia no eido da sustentabilidade, así como na promoción de coñecemento, I+D e pautas sociais que permitan reducir a emisión de gases.

 

Valcárcel agradeceu na súa intervención o esforzo realizado para converter Lugo por vez primeira en sede dun workshop da Rede Remedia, unhas xornadas de traballo coordinadas pola catedrática do Departamento de Produción Forestal da USC Rosa Mosquera. O director do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Martín Barrasa; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial responsable da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, a investigadora estadounidense Allison M. Chatrchyan, da Universidade de Cornell,  e o catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC e coordinador do grupo de investigación Sistemas Silvopastorais, Antonio Rigueiro, tamén interviñeron na apertura desta reunión científica, un breve acto no que se tamén se apuntou que as prácticas agroforestais e silvopastorais son, ademais de rendibles, moi acaídas para a prevención de lumes forestais.

 

O investigador da Corporación de Investigación Agrícola de Brasila Ladislao Martín abriu a quenda de relatorios deste congreso científico, cunha intervención baixo o título ‘Avaliación de sistemas integrados de cultivos, gandería, bosques e dinámica de carbono no solo en Brasil’. O programa do VII Workshop de Remedia continuou coa intervención de diversos relatores convidados, así como coa presentación de pósters e comunicacións, cuxa temática xirou, na maioría dos casos, cos solos e súa capacidade de absorción de carbono. Daquela, a temática desta xornada de traballo permitiu replicar na  EPS de Enxeñaría da USC algunha das cuestións que se están a debater na actualidade nos correspondentes foros da Comisión Europea e tamén noutras organización internacionais como o son a FAO, GACSA ou a GRA.

 

Programa do xoves

O programa do VII Workshop da Rede Remedia continuará este xoves, a partir das 9.00 horas, na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo coa intervención da relatora convidada Allison M. Chatrchyan, que ofrecerá o relatorio ‘A agricultura climáticamente intelixente de Cornell: axudar aos agricultores a adaptarse a mitigar o cambio climático’. A estratexia galega de cambio climático e enerxía 20150 e os sistemas agroforestais como ferramenta de emisión negativa contra o cambio climático, centrarán a temáticas das conferencias matinais. Ao seu remate, comezará a quenda de presentación orais e unha visita guiada de pósteres científicos.


Outras imaxes


Investigadores participantes no congreso