Saltar ao contido principal
Xornal

Usan catalizadores de rutenio para modificar células de mamíferos, con posibles aplicacións terapéuticas

Estas novas enzimas artificiais, desenvolvidas por investigadores do CiQUS da USC e publicadas na revista Journal of the American Chemical Society, inducen modificacións a medida no interior de células de mamíferos

CiQUS Actualizada: 27-03-2019 13:20 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita: Cristian Vidal, María Tomás-Gamasa, Alejandro Gutiérrez e José Luis Mascareñas. (Foto: Elena Mora / CiQUS)

As  enzimas son os catalizadores naturais que operan nos organismos vivos, e cuxa función consiste en facilitar reaccións químicas, moitas relacionadas co metabolismo celular. Mediante a evolución, a natureza optimizou as súas características co fin de realizar as transformacións necesarias para o mantemento da vida. A comunidade científica tamén creou catalizadores que inducen moitas reaccións que non se producen de forma natural. Porén, a maioría destes catalizadores non son compatibles cos organismos vivos, e por iso non poden suplantar ou complementar a actividade das enzimas naturais.

Perante este reto, a proposta  do grupo dirixido polo Prof. José Luis Mascareñas no CiQUS da USC, MetBioCat, céntrase en desenvolver catalizadores metálicos capaces de realizar a súa actividade  na contorna celular  na que normalmente traballan as  enzimas naturais. Co financiamento dunha Advanced Grant do European  Research  Council outorgada en 2014, o grupo conseguiu xa deseñar varios complexos metálicos que son activos en células vivas.

Agora, nun novo traballo  desenvolvido exclusivamente no CiQUS, polos investigadores  posdoutorais María Tomás-Gamasa e Cristian Vidal, así como o estudante de doutoramento Alejandro Gutiérrez, o grupo desenvolveu un catalizador baseado en rutenio que induce reaccións de isomerización no interior de células de mamíferos. Este catalizador, completamente artificial, pode considerarse como un mimético dunhas enzimas naturais chamadas isomerasas. Os resultados desta investigación foron publicados na Journal of the American Chemical Society , quizais a revista máis prestixiosa internacionalmente no ámbito da química.

A posibilidade de usar este tipo de  enzimas artificiais para propiciar estas transformacións en células abre numerosas vías para alterar de forma programada o seu comportamento e xerar efectos terapéuticos controlados. De feito, no mesmo artigo, os autores demostran que os catalizadores de rutenio poden usarse para diminuír os niveis de glutationa, e así regular o balance oxidativo que existe dentro dunha célula. Dado que o equilibrio oxidativo das células inflúe de  maneira determinante no seu comportamento e destino, sobre todo en células tumorais, alterar o devandito balance usando  a catálise artificial poderá permitir desenvolver novas tácticas anticancro.