Saltar ao contido principal
Xornal

A gaiteira Susana Seivane presenta este xoves en Lugo as novas e íntimas paisaxes sonoras de ‘FA’, no marco do ciclo Lubicán

O concerto de presentación do último traballo da artista con raíces en Ribeira de Piquín comezará ás 21.00 horas no Círculo das Artes. A entrada é libre ata completar aforo

Actualizada: 27-03-2019 13:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Susana Seivane

A gaiteira Susana Seivane presenta este xoves, a partir das 21.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, o seu último traballo, ‘Fa’, no marco do segundo concerto do Lubicán 2019, un ciclo promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, e que ten por obxectivo a posta en valor da música galega e en galego feita por artistas e creadores da terra.

 

A parada en Lugo de Susana Seivane encádrase no marco da xira coa que a gaiteira con raíces en Ribeira de Piquín está a conmemorar os seus primeiros 20 anos na escena artística e que coincide coa presentación do seu último traballo musical ‘Fa’, un disco que opta aos Premios da Música Independente nas categorías de mellor álbum de músicos da mundo e fusión.

 

Logo de oito anos de silencio discográfico, un longo período que lle serviu de inspiración para a composición do seu quinto álbum, ‘FA (Fiz e Antón), supón unha fonda introspección no campo da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal. Sen perder a súa esencia artística, Susana Seivane explora neste novo traballo novos ritmos, cos que imprime modernidade na tradición e se erixe de novo nunha das gaiteiras máis virtuosas do panorama musical.

 

Con temáticas universais como o amor superlativo, o medo, a inseguridade e a incerteza e mesmo a felicidade absoluta, Seivane constrúe neste traballo unha nova paisaxe sonora. Así, sen esquecer as súas orixes, a gaiteira galega dota a súa música de novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista.

 

A última achega discográfica de Susana Seivane é un disco integrado por unha ducia de temas, nos que destaca o primeiro extracto ‘Papá Pum Pum’, concibido como un canto á ledicia vital e á supremacía dos pequenos momentos que sintetizan a esencia de ‘FA’.