Saltar ao contido principal
Xornal

Universidades e Xunta traballan na implantación o vindeiro curso de itinerarios en galego en varios graos

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística reuniuse en Vigo

Actualizada: 28-03-2019 09:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Sistema Universitario de Galicia podería contar a partir do curso 2019-2020 con itinerarios en lingua galega en varios graos. Na reunión que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística celebrou en Vigo e á que pola USC asistiron o vicerreitor de Planificación e  Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo, e o director do SNL, Manuel Núñez Singala, se acordou que as tres universidades deseñen, cando menos, un proxecto de itinerario cada unha que, tras ser revisados pola propia comisión, serían aprobados pola Comisión de seguimento do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 e implantados o vindeiro curso.

“Que se faga efectivo nas tres universidades dependerá delas”, dixo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que pide un esforzo ás universidades para que os itinerarios en lingua galega se desenvolvan en titulacións dos ámbitos tecnolóxico e científico, “porque é onde temos unha materia pendente coa lingua galega”. Pola súa banda, para o reitor vigués Manuel Reigosa “o traballo da comisión pasa por que a oferta conxunta do SUG sexa atractiva para visualizar que o galego se pode utilizar en calquera titulación. Igual que no seu día se fixo para que houbese itinerarios en inglés, cremos que é fundamental que a nosa lingua tamén se vexa reflectida nas aulas”.

Na xuntanza celebrada este mércores, o secretario xeral tamén confirmou que se trasladará ás universidades o Plan de Dinamización da Lingua Galega na Xuventude, que a Xunta está a elaborar, para que as institucións académicas realicen as súas achegas e o ámbito universitario teña a presenza que lle corresponde.

A creación dun ambiente propicio para o uso do galego
En declaracións posteriores á celebración da reunión, o secretario xeral de Política Lingüística recoñeceu a súa preocupación pola baixa que se rexistra no uso da lingua galega por parte da mocidade, circunstancia que tamén ten o seu reflexo na universidade. “Temos a xuventude mellor capacitada da historia para escribir, falar e entender o galego, pero os usos baixan e non é un problema de formación, senón de crear espazos e sinerxías, o que chamamos a segunda socialización”, sinalou Valentín García, que recoñeceu a necesidade de crear un ambiente propicio para o uso do galego, de xeito que as e os egresados utilicen con normalidade a lingua, tamén, en ámbitos de especialización e nas actividades cotiás que desenvolven nos campus.