Saltar ao contido principal
Xornal

Arte para facer visible a ciencia

Os investigadores da Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez e Paula Rodríguez gañan o certame artístico NeuroArt da SENC con dúas imaxes do órgano vomeronasal do coello

Actualizada: 28-03-2019 10:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Paula Rodríguez e Pablo Sánchez, no laboratorio de Anatomía da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo

A ciencia non é arte, aínda que as súas múltiples disciplinas agochan un enorme potencial artístico. A anatomía proba, xa desde a época clásica, que arte e ciencia non son realidades antagónicas e incluso deixa entrever que a súa combinación harmónica, ademais de positiva, pode ser fascinante ou, cando menos, serve de acicate para achegarse á ciencia a través dos sentidos cando non se fai desde a razón e o estudo.

 

A visibilidade do traballo científico a través da súa expresión ou manifestación plástica foi un dos motivo que animou aos investigadores do Laboratorio de Anatomía da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC Pablo Sánchez Quinteiro e Paula Rodríguez Villamayor a tomar parte no certame fotográfico NeuroArt, unha convocatoria de ámbito estatal promovida pola Sociedade Española de Neurociencia (SENC) e na que acadaron un éxito rotundo ao conseguir os dous premios en liza por dúas imaxes do órgano vomeronasal dun coello.

 

A ledicia destes premios, que contan con dotación económica ademais da inscrición de balde para o congreso que a Sociedade Española de Neurociencia celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro mes de setembro, é moito maior que a gratificación que implica, recoñecen os dous galardoados, porque “permite darlle visibilidade ao noso traballo e ao importante labor de investigación que se está a desenvolver no campus de Lugo”, engaden.

 

Paula, que logo de completar a súa titulación en Veterinaria, está a desenvolver a súa tese de doutoramento baixo a dirección do profesor Pablo Sánchez Quinteiro, recoñeceu coa “anécdota deste premio recibín máis parabéns que logo de publicar o meu primeiro artigo científico nunha revista de impacto internacional como é Journal of Anatomy”. Neste mesmo senso, o profesor Sánchez Quinteiro, que suma xa cinco lustros de carreira docente e investigadora, tamén se amosou sorprendido pola repercusión social do premio NeuroArt.

 

O I+D non conta co financiamento que se require, sobre todo no ámbito universitario, salientou o Sánchez Quinteiro, para quen resulta unha mágoa que investigadoras como a estradense Paula Rodríguez Villamayor teñan que facer as súas pescudas nunha situación de constante incerteza económica pola escaseza de bolsas. Daquela, este premio supón un estímulo para seguir a traballar, dixo.

 

Alén destas cuestións, Rodríguez Villamayor e Sánchez Quinteiro confían en que o premio NeuroART sirva para potenciar o emprego do coello en proxectos de I+D, dado que se trata dunha “especie animal moi acaída e con moitas aplicación na investigación en neurociencia”. De feito o órgano vomeronasal, conta entre outros elementos, cunha especie de receptores aloxados no nariz que permiten captar no ambiente determinadas substancias químicas, tal e como o son as feromonas. Trátase un sistema pouco coñecido e estudado. A súa existencia descubriuse hai pouco máis de dous séculos, relatan, para logo remarcar a importancia das súas funcións.

 

“O sistema vomeronasal permite, por exemplo, que as crías de coello identifiquen, a través das feromonas as súas nais ou a outros animais da súa mesma especie”, explica Rodríguez Villamayor, quen logo de comezar este estudo con coellos adultos no marco do seu Traballo Fin de Grao, pescuda agora na súa investigación de doutoramento se existe nos coellos algún tipo de comunicación feromonal ou química entre cría e nai durante o período de xestación.

 

O minucioso traballo de laboratorio que están a realizar Paula e Pablo arredor do comportamento e da condutas dos coellos podería dar pé a outros proxectos máis ambiciosos, comentaron estes dous investigadores da USC, que, segundo indicaron, manteñen contactos con outros equipos de I+D do campus de Lugo, entre os que cómpre citar os grupos de Paulino Martínez, Luis Quintela e Ramiro Barcia, para abordar en colaboración proxectos máis ambiciosos.

 

A cunicultura é un sector importante en Galicia, que é, por diante de Cataluña, a comunidade española que lidera a produción e cría de coellos. A actividade económica asociada á cunicultura é relevante, a pesar de que está principalmente orientada á exportación, subliña Sánchez Quinteiro. Este profesor da USC salientou asemade a colaboración recibida da empresa Cogal, radicada en Rodeiro, e sen cuxa colaboración resultaría moito máis complexo avanzar na investigación que se está a realizar no Laboratorio de Anatomía da Facultade de Veterinaria arredor da cunicultura.


Outras imaxes


Imaxes galardoadas no certame NeuroArt, convocado pola Sociedade Española de Neurociencia