Saltar ao contido principal
Xornal

Novo espectáculo climático do proxecto ‘Descarboniza!’ coas Fillas Bravas de Chévere

Actualizada: 28-03-2019 12:28
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Miguel Pardellas, en primeiro plano, e o concelleiro Xan Duro. Foto: Concello de Santiago

Por terceiro ano consecutivo, o proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco...’ posto en marcha polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC en colaboración co Concello de Santiago organiza o 10 de abril un novo evento climático que nesta ocasión estará protagonizado polas Fillas Bravas, personaxes creados pola compañía teatral Chévere.

Como explicou o profesor Miguel Pardellas na presentación do evento, ‘Descarboniza!’ busca organizar e acompañar grupos de persoas “que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro”. No presente curso o proxecto desenvólvese nos centros cívicos da Rocha, Vite, Sar, Bornais, Santa Marta, Lavacolla e Busto, chegando directamente a máis dun cento de persoas, a meirande parte delas mulleres maiores. Ademais, e grazas ao financiamento da Fundación Biodiversidade, o proxecto está tamén a desenvolverse este ano no Concello de Donostia.

A participación das Fillas Bravas -“ tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta porque son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira-  en ‘Descarboniza…’ débese a seren sustentadoras dunha memoria de baixa enerxía, dun pasado cheo de dificultades mais tamén de coñecementos tradicionais que poden ser moi útiles para enfrontar os retos presentes e futuros do cambio climático.

O evento, que contará tamén coa participación do poeta e contacontos Celso F. Sanmartín, terá lugar ás 20.00 horas no Teatro Principal. A entrada será de balde, previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal a partir do 2 de abril (en horario de martes a sábado de 18 a 21 horas).


Outras imaxes