Saltar ao contido principal
Xornal

A profesora Carmen Sarceda Gorgoso, primeira muller que asume o decanato da Facultade de Formación do Profesorado da USC

Santiago López, como vicedecano, e Marta Poncet, na secretaría académica, completan un equipo de dirección que aspira a facer do centro lugués unha referencia en España

Actualizada: 28-03-2019 14:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carmen Sarceda, entre Santiago López e Marta Poncet, na Facultade de Formación do Profesorado da USC

A profesora da área de Didáctica e Organización Escolar da USC Carmen Sarceda Gorgoso  vén de converterse na primeira muller que asume o decano da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, un cargo sucede ao profesor Francisco Rodríguez Lestegás, logo de completar oito anos á fronte do centro universitario lugués.

 

O profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación Santiago López Gómez, que exercerá como vicedecano, e a tamén docente da área de Socioloxía da USC Marta Poncet Souto, na secretaría académica, completan o novo equipo decanal da Facultade de Formación do Profesorado, logo dun proceso de votación no que a súa candidatura recibiu o apoio do 70% dos 30 sufraxios contabilizados.

 

O equipo de goberno que lidera Carmen Sarceda asume o cometido do seu mandato con “compromiso, transparencia, ilusión, traballo, honestidade e ética”, coa pretensión de que o seu traballo contribúa a que a Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo se sitúe entre as mellores de Galicia e de España e goce de recoñecemento e internacional.

 

A progresiva mellora da reputación da Facultade de Formación do Profesorado da USC, un centro singular en Galicia e España e dos poucos que imparten a formación inicial de todo o profesorado de niveis non universitarios (Infantil, Primaria ESO, Bacharelato e FP), ademais doutros programas de máster e posgrao; a mellora da contratación, estabilidade e promoción do persoal docente e do PAS, a fin de acadar cotas de calidade máis altas, e a óptima capacitación e formación do alumnado, en aras a que poida dar resposta aos desafíos da sociedade, e a súa crecente implicación no funcionamento do centro, constitúen os tres grandes eixos que vertebran o programa do novo equipo que lidera Carmen Sarceda.