Saltar ao contido principal
Xornal

A USC reúne en Formación de Profesorado a representantes de oito entidades sociais no marco das VI Xornadas de Voluntariado

O programa desta actividade orientada a impulsar a implicación no voluntariado entre o alumnado do campus desenvolverase os días 1 e 2 de abril en quenda de tarde

Actualizada: 29-03-2019 09:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz das VI Xornadas de Voluntariado

Oito entidades sociais participarán os días 1 e 2 de abril na Facultade de Formación do Profesorado no marco da sexta edición das Xornadas de Voluntariado, un foro promovido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria(Sepiu) da USC coa pretensión de servir de acicate para impulsar a participación voluntaria entre o alumnado do campus de Lugo.

 

O programa das VI Xornadas de Voluntariado desenvolverase ao longo de dúas xornadas en quenda de tarde, de 16.00 a 17.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, un escenario no que intervirán como relatores representantes de oito entidades sociais con solvencia e experiencia en diversos campos de actuación no plano local e nacional. Nesta edición das xornadas participarán  a Asociación Española contra o Cancro (AECC), a Asociación Bonhomía, Aspnais e Cogami Lugo, Asociación Down Lugo, Asociación Raiolas Lugo, Fundación JuanSoñador e a Fundación Secretariado Gitano.

 

A técnico responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC no campus de Lugo tamén informará no marco deste foro dos programas de voluntariado ofertados á comunidade universitaria, ao tempo que explicará ao público presente do traballo de coordinación que desenvolve o Sepiu, o servizo da USC que supervisa todo o proceso ata que remata a acción voluntaria.

 

Moitos dos programas de voluntariado nos que colabora o Sepiu da USC contan con actividades vinculadas coa educación, a saúde, a inclusión social, o lecer e o tempo libre. Algunhas das accións promovidas no ámbito do voluntariado están dirixidas á infancia, a persoas maiores, e mesmo para sensibilizar sobre o abandono animal, etcétera…

 

A inscrición nos distintos programas de voluntariados nos que participa a USC está aberta durante todo o curso académico. Existe a posibilidade de apuntarse no primeiro ou o segundo semestre e tamén nalgunhas actividades que se desenvolven durante algunha das semanas do verán, tal e o caso do campus de Verán XuvenCiencia, un programa de voluntariado que mantén aberto o prazo de inscrición ata o luns 1 de abril.

 

As persoas interesadas en ampliar información respecto dos programas de voluntariado da USC pode remitir a súa correspondente solicitude  a través do enderezo de correo electrónico sepiu.lugo@usc.es ou tamén a través do número de teléfono 982 823 594.