Saltar ao contido principal
Xornal

Novos métodos para obter ácido hialurónico, biosensores e avances sobre a artrose protagonizan a xornada científica de IBEROS en Portugal

Os investigadores dos grupos galegos e portugueses que forman o Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable reuníronse en Porto

Actualizada: 29-03-2019 13:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os investigadores galegos e portugueses que integran o Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (IBEROS) reuníronse hoxe en Porto (Portugal) para compartir os últimos avances dos proxectos que están a levar a cabo en rede. Ademais de afondar nas liñas principais sobre tratamentos e métodos de diagnóstico para enfermidades reumáticas ou cancro, na reunión de hoxe deuse conta de proxectos centrados na impresión 3D, na obtención de ácido hialurónico.

Desde o grupo I+D Farma da Universidade de Santiago expuxéronse novos sistemas avanzados de liberación de fármacos para o tratamento da osteoartrite, que tamén son útiles para a prevención da osteomielite e como andamios celulares destinados á rexeneración de tecidos.

O ácido hialurónico é un compoñente presente de forma natural nas articulacións, nas cartilaxes e na pel. A súa diminución no organismo está directamente asociada ao envellecemento, polo que a súa obtención e administración está xerando cada vez máis interese para aplicacións moi variadas, desde as cosméticas -produtos antiengurras- ás biomédicas -enxeñería de tecidos–. Partindo do feito de que esta substancia ten diferentes funcións dependendo do seu tamaño, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC está traballando nun método para facilitar a obtención do tamaño desexado a grande escala.

A impresión 3D é unha tecnoloxía cada vez máis presente na bioenxeñería, xa que permite deseñar e fabricar dispositivos como implantes e próteses. Nas aplicacións biomédicas desta tecnoloxía é crucial que os filamentos cos que traballa a impresora teñan as características e propiedades axeitadas. O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo (Uvigo) presentou durante a xornada o desenvolvemento de novos filamentos baseados en cerámicas bioinspiradas.

Novas ferramentas de diagnóstico e tratamento
Na artrose, na que teñen postos moitos dos seus esforzos os investigadores do IBEROS desde o principio, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) está tamén a avanzar no uso da espectroscopia Raman para lograr diagnósticos temperáns e certeiros fronte á subxectividade e variabilidade dos métodos convencionais.

Desde o Teamnanotech da Uvigo chegou a proposta de combinar nanomateriais plasmónicos con óxido de titanio para a súa aplicación en novas terapias intracelulares, como as que se están desenvolvendo contra determinados tipos de cancro. Esta nova combinación presenta a vantaxe de permitir abordaxes máis específicas e con menos efectos adversos para os pacientes. Tamén no eido do cancro, o grupo Biomark do Instituto Superior de Engenharia do Porto traballa nun biosensor óptico capaz de diagnosticar tumores malignos de mama. Os biosensores ópticos son tamén obxecto de traballo do Grupo de Novos Materiais da Uvigo, que presentou na xornada a síntese de compostos capaces de ofrecer unha resposta máis sensible ante marcadores de enfermidade.

Tal e como se expuxo durante a xornada, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade do Porto ten logrado interesantes avances na aplicación de hidroxeles bioactivos de orixe mariña á enxeñería de tecidos. Este tipo de biomateriais, xunto con outros considerados especialmente sensibles, precisan ser sometidos a procedementos de esterilización antes de ser implantados. O grupo de Biomateriais da Universidade Católica de Porto presentou un método de esterilización que, ademais de preservar as propiedades físico-químicas dos materiais, se basea en tecnoloxías de baixo custo e impacto medioambiental.

IBEROS, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.


Outras imaxes