Saltar ao contido principal
Xornal

A última produción da Aula de Teatro da USC, premio do xurado e do público no Festival da Beira Interior de Portugal

Actualizada: 29-03-2019 14:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da obra premiada

A Aula de Teatro da USC acaba de ser recoñecida co premio do Xurado e do Público no vixésimo terceiro Ciclo de Teatro da Beira Interior (Colvilha, Portugal), onde a compañía compostelá actuou na xornada de clausura coa representación de ‘A muller que tiña medo e marchou a vivir ao Carrefour’ , con texto e dirección de Roberto Salgueiro. O certame portugués, no que a compañía da USC leva encadeados diversos premios nos últimos anos, está considerado o máis antigo de Portugal que se realiza de xeito ininterrompido.

A produción da Aula de Teatro da USC propón unha reflexión sobre o medo e como este pode condicionar a vida. Este é o fío de ‘A muller que tiña medo e marchou a vivir ao Carrefour’, peza cunha duración de 47 minutos e que é apta para todos os públicos. O reparto intégrano, por orde de intervención, Lara Pouso, Xiana Fole, Antía González e Inma Fernández. Completan o elenco Gerardo Fuentes (cartel e programa) e Javier López Jorge (piano).

Como se recolle no programa desta obra “se algo caracteriza o medo é a súa capacidade mimetismo. Coma os insectos que se confunden entre as follas das árbores ou os roedores que, inmóbiles, pasan desapercibidos entre a herba dos prados, o medo coñece perfectamente o medio onde se desenvolve e pon en marcha as estratexias necesarias para non ser recoñecido”.