Saltar ao contido principal
Xornal

O Plan plurianual de profesorado senta as bases dunha nova política de profesorado na USC para o período 2019-2022

O Consello de Goberno aprobou este plan así como a proposta de flexibilidade horaria para o Persoal de Administración e Servizos

Actualizada: 29-03-2019 14:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe recente dunha xuntanza do Consello de Goberno

Sentar as bases dunha nova política de profesorado para a USC. Este é o obxectivo do Plan plurianual de profesorado para o período 2019-2022 que este venres aprobou o Consello de Goberno da USC. Este plan pretende garantir unha dotación suficiente e axeitada das diferentes áreas de coñecemento a través de contratos de calidade e de modo que corrixa de xeito paulatino o desequilibrio entre elas, así como garantir a reposición de efectivos que se xubilaron nos últimos anos ou que se van xubilar proximamente mediante a incorporación de profesorado novo. Estas liñas de acción faranse en sintonía coa necesidade de garantir a viabilidade económica da institución de acordo co plan vixente de reequilibrio económico-financeiro, mediante “unha planificación prudente e rigorosa da incorporación de efectivos e de evolución da masa salarial”.

O plan está deseñado para frear o aumento da idade media do Persoal Docente e Investigador (PDI) mediante a renovación dos cadros de persoal, buscando reducir simultaneamente a precariedade e a temporalidade de determinadas figuras. Neste senso, buscase tamén garantir a posibilidade de estabilización ao profesorado que cobre necesidades estruturais e a de promoción ao persoal acreditado para os diferentes corpos de profesorado funcionario. O documento aprobado tamén garantirá que a reposición de persoal  a curto e medio prazo permita o cumprimento de compromisos  de estabilización, a incorporación de docentes a través de contratos de calidade e carácter estable, aliñando as políticas de captación de PDI coas de retención de talento a través de convocatorias competitivas estatais, europeos ou autonómicas.

Con esta decisión a USC afronta a redución do seu corpo de persoal docente experimentada nos últimos anos e froito da incidencia da crise, cuxos efectos “non son facilmente reversibles a curto prazo”, explica o xerente Javier Ferreira. A redución “non se distribuíu de xeito uniforme entre as diferentes áreas, o que propiciou a creación de importantes déficits de persoal ou, nalgúns casos, contribuíu a agravar os xa existentes”, lembra o responsable de persoal da USC.

Xornada flexible para o PAS
A implantación da xornada flexible para o Persoal de Administración e Servizos (PAS) foi outro dos puntos tratados no Consello de Goberno. A medida establece mecanismos de conciliación da vida laboral e familiar que permitan adaptar as necesidades do persoal ao servizo que presta, garantindo o funcionamento da administración universitaria.

O acordo recolle dous supostos de conciliación: unha flexibilidade xeral, onde se establece unha franxas horaria fixa que asegure o bo funcionamento dos servizos e outra flexible que o persoal poderá distribuír segundo as súas necesidades nunha ampla franxa horaria de luns a venres. A segunda opción ofrece flexibilidade  por conciliación familiar dirixida a persoal con fillos menores de 12 anos ao seu cargo ou con familiares que por enfermidade ou avanzada idade necesiten asistencia doutras persoas, tal e como contemplas as disposicións en materia de igualdade da comunidade autónoma. Neste último caso, fixarase un horario de referencia que permita compatibilizar esas situacións coa prestación do servizo.

O acordo estivo precedido da implantación dun sistema de rexistro horario dende o pasado mes de xaneiro que posibilita agora a aplicación da flexibilidade. Tres meses despois da súa posta en marcha, o sistema atópase completamente normalizado, segundo o informe presentado polo xerente no Consello de Goberno. Javier Ferreira valorou moi positivamente a actitude e colaboración da comunidade universitaria con este proxecto. Como el mesmo explicou o obxectivo é “seguir camiñando na busca da eficiencia na administración e permitir que o persoal desenvolva o seu traballo con máis oportunidades para a conciliación da vida persoal e laboral”.

Responsable de proxectos institucionais
O Consello de Goberno aprobou a creación dun posto de Responsable de Proxectos Institucionais adscrito á Reitoría e á Xerencia para traballar na racionalización das infraestruturas, os medios técnicos e humanos e os procedementos relacionados coa docencia, a investigación e a xestión administrativa e de servizos para contribuír a un uso eficiente dos recursos públicos. A creación deste posto “é unha aposta decidida pola reorganización das infraestruturas tanto físicas como tecnolóxicas, así como dos procedementos de traballo que con rigor, transparencia e responsabilidade dean lugar a un retorno que garanta o mantemento e mellora das funcións principais da institucións”, explicou o xerente.

Calendario académico
O curso 2019-2020 estenderase do día 1 de setembro de 2019 ao 31 de agosto de 2020 en dous períodos para a impartición da docencia: do 9 de setembro ao 20 de decembro, pudendo os másteres retrasar o inicio ata o 23 de setembro; e do 29 de xaneiro ao 15 de maio de 2020. Os períodos de apertura de actas estenderanse do 16 de decembro de 2019 ao 7 de febreiro de 2020, e do 15 de maio ao 19 de xuño de 2020. Haberá unha segunda oportunidade de avaliación para a cal o período de actas estenderase do 22 de xuño ao 274 de xullo do vindeiro ano.

Outros asuntos
Outros asuntos tratados nesta xuntanza do órgano colexiado foron a convocatoria da Escola Infantil Breogán e a da adxudicación de axudas para a escolarización de menores de tres anos no Campus de Lugo para o vindeiro curso, así como a convocatoria de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias para 2019-2020, que ofertará un total de 1071 prazas. Complementando esta última tamén se abordou as convocatorias do SUR para estudantes internacionais durante o próximo curso e para membros da comunidade universitaria participantes nas actividades da Universidade de Verán 2019. Tamén se aprobaron os procedementos de admisión aos estudos universitarios de grao do Sistema Universitario de Galicia.

A orde do día completouse coa aprobación das bases reguladoras  e da convocatoria de bolsas de verán dos centros singulares de investigación, así como das propostas de modificación do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias e do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, e os regulamentos de réxime interno do Instituto de Investigación en Análises Químicos e Biolóxicos (IAQBUS) e do Instituto Universitario de Investigación Interdisciplinar de Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).