Saltar ao contido principal
Xornal

Trescentos especialistas asistirán na Facultade de Dereito ao XVII Congreso da Asociación de Constitucionalistas de España

Actualizada: 01-04-2019 11:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Asociación de Constitucionalistas de España celebrará o seu décimo sétimo Congreso na Facultade de Dereito da USC os vindeiros xoves 4 e venres 5 organizado pola propia asociación, a Universidade compostelá e o seu Centro de Estudos de Seguridade (CESEG). Esta é a primeira vez que o encontro se celebra en Galicia. A sesión inaugural está prevista para o xoves 4 de abril a partir das 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade.

O programa organizado analizará e debaterá os distintos aspectos e problemas que “nas democracias modernas suscita o decisivo e difícil equilibrio entre seguridade e liberdade”. Neste senso, entre outras cuestións os relatorios incluídos no programa aludirán a cuestións relativas ao desafío constitucional do terrorismo, a actividade de intelixencia ou á perspectiva constitucional dos avances tecnolóxicos en seguridade. Coa organización desta congreso, a Asociación de Constitucionalistas de España pretende servir de instrumento útil á sociedade coa “apertura dun debate tan crucial como necesario na actualidade”, por terse convertido “nun reto esencial que determina a nosa forma de convivencia”, destacan os organizadores.

‘Seguridade e liberade no sistema democrático’ é o lema do encontro de cuxa coordinación é responsable o profesor José Julio Fernández Rodríguez e no que está prevista a asistencia de trescentos docentes de Dereito Constitucional de España e do estranxeiro. Integran o comité organizador, Roberto L. Blanco Valdés, Ana Gude Fernández, Begoña López Portas, Carlos Ruíz Miguel e Vicente A. Sanjurjo Rivo.