Saltar ao contido principal
Xornal

20 anos do Espazo de Danza en fotografías de Chus Varela

Actualizada: 01-04-2019 12:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Claustro alto do Colexio de Fonseca acubillará ata o 10 de abril a mostra conmemorativa do XX aniversario do Espazo de Danza ‘20 anos non son nada’, da fotógrafa luguesa Chus Varela, con imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos que pasaron polo Espazo de Danza. Dáse a casualidade de que a autora das instantáneas é traballadora da Oficina de Información Universitaria do Campus de Lugo, onde a mostra xa estivo exposta con moito éxito entre o público.

A idea do proxecto, xurdido en 2016, “era que non se tratase de fotografías meramente testemuñais, senón que ademais de visualizar o traballo do Espazo de Danza as fotos tivesen un valor artístico en si mesmas”, asegura a autora. Así, botando man de materiais tan dispares como terra, auga, plástico, fariña e lume “cambiamos o estudio por escenarios naturais coma As Médulas ou exteriores, corredores e edificios da USC coma a Igrexa ou distintas facultades”.

Na inauguración da mostra participaron, ademais da autora, a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Goretti Sanmartín, e o director do Espazo de Danza, Juan Carlos Zahera.

A exposición coincide coa décimo sétima edición do Encontro Universitario de Danza (EUD), que presenta este luns 1 e o martes 2 de abril no Teatro Principal as producións propias de cinco compañías de danza. Ás catro da USC -DanzaUSCompostela, DanzaUSC-Lugo, ‘Sen Vergoña’ e Schattenidentitäten- que naceron ao abeiro do Espazo de Danza da USC baixo a dirección de Juan Carlos Zahera únese a Aula de Danza da Universidade de A Coruña. A entrada ás funcións é libre e gratuíta ata completar aforo.

Espazo de Danza da USC
O Espazo de Danza da USC foi unha iniciativa pioneira na universidade española e concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas, máis de 300 actuacións e intervencións e a presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.


Outras imaxes