Saltar ao contido principal
Xornal

A exposición ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959)’ inaugúrase este martes en Fonseca

Actualizada: 01-04-2019 09:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Numerosos obxectos e materiais contidos no Fondo Gaos doado recentemente pola familia Gaos  Guillochón á Universidade de Santiago de Compostela exporanse no Colexio de Fonseca dende este martes 2 e ata o 31 de maio para dar conta das múltiples e diversas facetas como intérprete, compositor, docente e director de Andrés Gaos, un dos grandes compositores galegos do século pasado.

A exposición O Universo Musical de  Andrés  Gaos (1874-1959) que comisarían os profesores da USC Montserrat  Capelán e Javier Garbayo inaugurarase este martes 2 ás 20.00 horas nun acto oficial que presidirá a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo. Interveñen ademais o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; a concelleira de acción cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretty Sanmartín Rei; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo Suárez, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco.

Estruturada en seccións temáticas que mostran as súas relacións familiares, o seu tempo, a súa faceta como intérprete, compositor e director ou a súa relación con Arxentina e con Galicia, na mostra expóñense tamén os violíns que se conservan de Gaos, dous deles procedentes do fondo da USC -un dos cales soará este 1 de abril no Consello da Cultura Galega en rigorosa estrea tras a súa restauración- e outros dous do Concello da Coruña. Xunto a eles, arcos e obxectos de diferente tipo referentes aos instrumentos, programas, cartas, fotografías, críticas, partituras e documentación persoal, así como diferente material audiovisual.

Andrés Gaos
Andrés  Gaos  Berea naceu na Coruña o 21 de marzo de 1874, onde o seu tío e padriño, Canuto  Berea Rodríguez, rexentaba un prestixioso almacén de música que forneceu durante moitos anos instrumentos, materiais e partituras a toda Galicia, chegando a abrir sucursais noutras capitais. Precisamente a familia Gaos trasládase a Vigo en 1880 para facerse cargo da nova sucursal.

Formado o pequeno Andrés musicalmente en Vigo e na Coruña, acabará trasladándose a cursar estudos superiores de violín a Madrid e a Bruxelas con bolsas da Deputación da Coruña. Tras xiras por toda Europa e América, onde contrae matrimonio coa gran violinista América Montenegro, acabará asentándose en Bos Aires desde onde, ademais da súa dedicación como docente, realizará xiras internacionais con notable éxito. Tras breves etapas residindo en Francia, e logo do seu segundo matrimonio con Luisa Guillochón, acabará instalándose definitivamente na capital bonaerense.

A vida musical de  Andrés  Gaos repártese entre a actividade de concertista, a compositiva e a docente, chegando a ser considerado como un dos representantes de maior prestixio da escola nacionalista arxentina, xunto con Alberto Williams, López  Buchardo ou Julián Aguirre, entre outros, ata o punto de ser elixido para representar a Arxentina, como director de repertorio, na Exposición Internacional de París de 1937.